Sísifo

Sísifo, na mitoloxía grega, rei de Éfira (hoxe Corinto), era fillo de Eolo e Enarete e estaba considerado o máis astuto entre os homes e o menos escrupuloso [1]. Casou con Mérope (filla de Atlas), coa que tivo tres fillos: Glauco (pai de Belerofonte), Ornitión e Sinón.

Perséfone supervisando o castigo de Sísifo (ánfora ática do 530 a.C.

ZeusEditar

Unha das moitas amantes de Zeus foi Exina, a filla do deus do río Asopo, e cando a levaba cara Enone, Sísifo viunos pasar. Ó pouco apareceu Asopo preguntando pola filla e Sísifo prometeu dicirlle o nome do raptor se abría un manancial permanente en Éfira. Asopo accedeu e creou a fonte Pirene, e Sísifo díxolle que fora Zeus quen lle levara a filla.

 
Sísifo no Averno (Franz von Stuck, 1920)

Como era de esperar, Zeus enfadouse e castigouno, cun castigo exemplar e eterno, que se fixo famoso na mitoloxía grega e para o que existen dúas versións. A primeira é que Zeus o lanzou directamente ó inferno, onde debía empurrar unha enorme pedra monte arriba ata o cume pero que, ó chegar, a pedra caía pola aba do monte ata abaixo, e tiña que repetir o traballo unha e outra vez ata conseguir o disposto polos Xuíces do Inframundo: subir a rocha e soltala costa abaixo pola outra ladeira. E así por toda a eternidade.

A segunda versión, da man de Ferécides, conta que Zeus lle mandou a Morte (Tánatos) para que o matase. Cando Tánatos chegou na súa procura, Sísifo sorprendeuno apresándoo con grillóns, co conto de querer ensinarlle cómo funcionaban, o que motivou que ninguén morría no Mundo. Zeus ordenou a Sísifo que soltara a Tánatos para que este puidese seguir co seu traballo, e o primeiro que morreu foi o propio Sísifo [2]. Pero este, antes de marchar, díxolle á súa muller que non fixera ofrendas fúnebres ós deuses trala súa morte. A muller obedeceuno e, ó chegar ó inferno, acusouna de impiedade ante Hades e convenceuno para que lle deixase regresar ó mundo dos vivos durante tres días, e así poder castigar á muller e asegurarse de que cumpría cos rituais debidos. Hades (ou Perséfone) estaba indignado contra a muller de Sísifo, que ademais non podía estar no inferno ó non estar debidamente enterrado, polo que lle permitiu volver, pero Sísifo, unha vez na casa, negouse a regresar ó infernos e viviu tan tranquilo durante moitos anos. Cando finalmente Tánatos o chamou definitivamente (ou Hermes foi por el), Hades impúxolle este castigo do que non tiña posibilidades de fuxir.

 
Sísifo (Tiziano, 1548-1549, Museo do Prado)

Hixino recolle outra versión do mito, aínda que de forma incompleta. Sísifo quería matar ó seu irmán Salmoneo, que se fixera co reino de Tesalia á morte de Eolo [3], e preguntoulle ó oráculo cómo facelo. Apolo contestoulle que o vingarían os fillos que tivese coa súa sobriña Tiro, e así o fixo, seducindo á súa sobriña, coa que tivo dous fillos xemelgos. Pero Tiro tivo coñecemento do oráculo e, para evitar a morte do seu pai, prefiriu matar ós fillos sendo aínda meniños. Perdeuse o texto de Hixino co que puido facer Sísifo nesta situación, e cando continúa está no Hades subindo a pedra ó cume do monte.

"Dise que el, agora nos infernos, a causa da súa impiedade, fai rodar unha rocha cos seus ombros monte arriba, pero cada vez que chega ó cume, retrocede rodando de novo cara abaixo tras el".
(Hixino: Fábulas 60)

Pero Robert Gaves continúa dicindo que Sísifo mostrou os cadáveres dos meniños no mercado e acusou a Salmoneo de incesto e de asasinato, co que conseguiu que o expulsaran da cidade [4].

UlisesEditar

Conta a lenda que Autólico lle roubou o gando a Sísifo [5]. Este, que gravara o seu nome (ou as iniciais SS [6]) nos pezuños dos animais ó comprobar como lle ían faltando reses, puido demostrar ante tódolos veciños que o gando era seu e reclamou a devolución. Pero ese mesmo día casaban Anticlea, a filla de Autólico, e Laertes, e Sísifo entrou na casa e maquinou ata conseguir seducir á noiva esa noite, enxendrando así ó heroe Ulises [7].

Claro que tamén se di que Autólico entregou voluntariamente a filla a Sísifo porque desexaba ter un neto tan astuto como este.

NotasEditar

  1. Grimal, s. v. Sísifo.
  2. Ou ben foi Ares quen liberou a Tánatos e despois entregoulle a Sísifo. Ares, deus da guerra, estaba naturalmente interesado en que a xente seguise morrendo.
  3. Salmoneo era outro impostor famoso que se facía pasar polo mesmo Zeus.
  4. Graves, px. 240.
  5. Autólico ten sona na mitoloxía grega de experto ladrón. Podía transformar o gando roubado como quixer, para que non puidese ser recoñecido polos donos.
  6. Algúns autores din que mandara gravar as palabras "Roubado por Autólico" (Graves, 239).
  7. Así, Ulises herdaría a astucia que o caracteriza do seu pai Sísifo.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 239-243.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 60; 201.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, I, 9, 3 [a numeración segue a utilizada neste texto].