Abrir o menú principal

Tipos de intoxicacións e a súa epidemioloxía

Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

As intoxicacións pódense clasificar atendendo a diversos criterios. Poderemos falar de intoxicacións agudas ou crónicas se o criterio escollido é o da patocronicidade ou o que é o mesmo, a evolución da intoxicación en función do tempo. Por outra banda poderemos distinguir entre intoxicacións suicidas, homicidas ou accidentais. Neste último caso o parámetro usado para facer esta distinción é a etioloxía ou o coñecemento da orixe ou motivación desa intoxicación.

TiposEditar

Segundo a evoluciónEditar

Segundo a súa evolución en función do tempo pódense diferenciar dous tipos principais de intoxicacións:

  • Intoxicacións agudas: Consisten na aparición repentina (antes das 24 horas) dun cadro clínico patolóxico trala absorción ou exposición a un axente químico. Estes fenómenos tóxicos adóitanse presentar cunha única administración da substancia en cuestión. A evolución pode levar ó intoxicado á morte, ou ben a unha recuperación total ou parcial das súas funcións normais, podendo quedar a persoa con secuelas permanentes. Estas intoxicacións teñen unha maior transcendencia, en comparación coas crónicas, no ámbito da urxencia tanto extra como intrahospitalaria.
  • Intoxicacións crónicas: Orixínanse trala exposición repetida ó tóxico. Normalmente as cantidades absorbidas de dita substancia son insuficientes para ocasionar un cadro clínico típico das intoxicacións agudas, pero se se producise unha administración repetida do tóxico este acumularíase no organismo (habitualmente en órganos e tecidos concretos) causando efectos lesivos co paso do tempo. En moitas ocasións a acumulación dun tóxico no organismo non chega a producir trastornos, tan só permanece latente ata que algún causante, como pode ser un estado patolóxico, orixine a aparición dos síntomas da intoxicación. Pode ocorrer, incluso, que o tóxico se mobilice dende o lugar onde está depositado, o que produciría unha intoxicación aguda debida ó aumento dos niveis hemáticos da substancia. Este tipo de intoxicacións adoitan presentar cadros clínicos difusos, que se poden chegar a confundir con outras patoloxías, o cal dificultaría o seu tratamento. Ademais estas intoxicacións xeralmente están ligadas á inxesta de produtos farmacolóxicos, no contexto da patoloxía crónica, ou non farmacolóxicos, con frecuencia no ámbito laboral.

Segundo a intencionalidadeEditar

As intoxicacións tamén se poden clasificar en función da súa intencionalidade en:

  • Intoxicacións intencionadas: Son aquelas nas que o suxeito activo desexa levalas a cabo. Dentro deste grupo inclúense as intoxicacións homicidas, nas que o suxeito activo é distinto do pasivo, e as suicidas, nas que unicamente hai un suxeito, que é o que se intoxica de forma voluntaria.
  • As intoxicacións homicidas e delitos contra a saúde pública poden ir dende a submisión química (administración dunha substancia á vítima, sen o seu coñecemento, para manipular a súa vontade, para cometer algún tipo de abuso, pasando polo asasinato, ata as intoxicacións producidas por gases de guerra.
  • Dentro das intoxicación intencionadas tamén podemos facer unha subdivisión na que se agruparían as toxicofilias e drogodependencias, e a dopaxe laboral, estudantil ou deportiva. Nas toxicofilias empréganse substancias coma o alcohol os opiáceos, as benzodiazepinas, o cánnabis etc.
  • Intoxicacións accidentais: Nestas o suxeito non ten intención de intoxicarse. Pódense subdividir en varios tipos, segundo sexa a exposición ó tóxico:
  • Intoxicacións ambientais: producidas como consecuencia da contaminación en augas fluviais e aire.
  • Intoxicacións profesionais: ou ligadas a determinados sectores como consecuencia da exposición continuada a substancias químicas concretas no ambiente de traballo.
  • Intoxicacións medicamentosas: producidas por interacción con outras substancias, por intolerancia ou por simple erro de frasco, dose ou principio activo.
  • Intoxicacións alimentarias: ocasionadas por alimentos tóxicos (como determinados vexetais e peixes), por alimentos que absorberon substancias tóxicas do envase que os contén, por consumo de toxinas producidas por microorganismos que contaminan o alimento (aflatoxinas, toxinas botulínicas), por produción de toxinas no organismo como consecuencia da inxestión dun alimento contaminado por microorganismos (salmonelas) etc.
  • Intoxicacións domésticas: debidas á confusión de bebidas con produtos de limpeza e ó abuso ou mal uso de medicamentos ou praguicidas.
  • Intoxicacións por pezoñas ou biotoxinas: presentes nalgunhas plantas, insectos, peixes e réptiles.

Epidemioloxía das intoxicaciónsEditar

O obxectivo final do estudio epidemiolóxico da intoxicación aguda é coñece-la incidencia, o tipo de tóxicos e os factores concorrentes para orienta-lo desenvolvemento da toxicoloxía clínica e para lograr unha prevención eficaz destas intoxicacións. A recompilación de datos realízase a partir de dous tipos de fontes: centros hospitalarios e centros de información toxicolóxica. A epidemioloxía das intoxicacións está influída por moi diferentes características locais, o que xustifica a existencia servizos de información toxicolóxica que orienten no diagnóstico e tratamento das mesmas.

As intoxicacións agudas representan aproximadamente un 0,5% das urxencias atendidas nos servizos hospitalarios e tan só o 1% destes casos ten un desenlace mortal ou exitus.

Segundo datos dos estudos epidemiolóxicos realizados entre 1985 e 1995 os tóxicos máis frecuentemente implicados nas intoxicacións agudas son, dentro dos fármacos, as benzodiazepinas e os antidepresivos no caso dos adultos, e antitérmicos e analxésicos no caso de nenos; dentro dos produtos domésticos destaca a inxestión de lixivia e a inhalación de monóxido de carbono; dentro das drogas de abuso destacan a heroína e a cocaína. Por último tamén están os produtos químicos industriais (mercurio, hidrocarburos etc.), produtos agrícolas (principalmente pesticidas) e as substancias procedentes de animais ou plantas velenosas.

Un estudio epidemiolóxico mais recente publicado no ano 2006 recolleu as intoxicacións agudas atendidas en 24 Servizos de Urxencias Hospitalarios españois. Unicamente se analizaron os pacientes cuxa vía de exposición ó tóxico foi a dixestiva. Os resultados do estudio foron os seguintes: rexistráronse 2.245 casos, cunha idade media de 35,77 anos e unha lixeira preponderancia do sexo masculino (o 59,6%). Non se rexistraron diferenzas na idade respecto ó sexo. A idade media de intoxicacións pediátricas foi de 3 anos. En canto ó tipo de intoxicacións a intoxicación voluntaria non etílica (por medicamentos) presentou a maior frecuencia (o 50,2%), seguida da alcohólica (o 29,7%) e, con moita menor frecuencia a debida a drogas ilegais (o 9,4%) e as intoxicacións de causa accidental (o 7,9%).

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Repetto Jiménez M., Repetto Kuhn G. Toxicología fundamental. 3ª Edición. Capítulos 2 e 12. Ed. Díaz de Santos, Madrid, 1997.
  • Burillo-Putze G., Calderón de la Barca J.M., Munné Mas P., Chánovas Borrás M., Dueñas Laita A., Colomina Devesa R., et al. Intoxicaciones agudas: perfil epidemiológico y clínico, y análisis de las técnicas de descontaminación digestiva utilizadas en los servicios de urgencias españoles en el año 2006. Emergencias, 2008, 20:15-26.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar