Tina Pérez
Constantina Pérez Martínez, coñecida como Tina Pérez, nada en Santa Cruz de Mieres en 1929 e finada o 14 de outubro de 1965, foi unha militante comunista española. Levou a cabo labores decisivos durante a Huelgona de 1962 xunto ás súas compañeiras Anita Sirgo e Celestina Marrón.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1929 Santa Cruz, España |
Morte | 14 de outubro de 1965 (35/36 anos) |
Actividade | |
Ocupación | activista |
Traxectoria
editarTina Pérez naceu no seo dunha familia cunha arraigada conciencia política. O seu pai foi fusilado durante a Guerra civil e a súa nai fora detida e encarcerada. Ela e os seus seis irmáns tiveron que ser recollidos por unha tía. Politicamente activa desde a súa mocidade, aos dezaseis anos foi rapada por primeira vez pola policía ao negarse, xunto coa súa amiga Amor Gutiérrez, a fregar os locais da Falanxe.[2]
En 1946 casou con Víctor Bayón, tamén militante activo, e tiveron en 1947 á súa filla, Blanca. En 1955 trasladáronse a vivir a La Joécara (Langreu), onde Bayón comezou a traballar no pozo Fondón e coñeceu o marido de Anita Sirgo, Alfonso Braña.[2]
Cando comezaron as folgas mineiras de 1962, Tina Pérez, xunto a Anita Sirgo e outras compañeiras, tivo un papel moi activo e decisivo para o desenlace da folga. Por mor diso, ambas foron detidas e interrogadas pola Garda Civil, que ademais lles propinou malleiras e rapounas como forma de humillación.[2] O seu marido viuse obrigado a fuxir ao exilio en Francia tras a súa participación noutra folga en 1964 e o 20 de marzo de 1965 Tina Pérez e a súa filla foron detidas de novo. Blanca logo foi liberada debido á súa idade. Con todo, Tina Pérez non saíu até o 3 de maio, coa súa saúde gravemente deteriorada polos golpes recibidos en prisión. Faleceu o 14 de outubro de 1965.[2][3] O seu enterro foi multitudinario e foi considerado como unha manifestación non só de dó, senón tamén da unión e irmandade presentes nas loitas mineiras.[4]
Homenaxes e aparicións na cultura popular
editar- Tina Pérez e a súa compañeira Anita Sirgo teñen unha rúa dedicada en Xixón, no barrio de La Camocha.
- O pintor Eduardo Arroyo lembrou a Tina Pérez en óleos e litografías a partir de 1968.
- Carlos Álvarez Cruz dedicoulle un poema tamén a Tina Pérez.[2]
- A directora asturiana Amanda Castro lembrou na súa curtametraxe A golpe de tacón a Tina Pérez e á súa compañeira, Anita Sirgo.[2][5]
- Aparece como personaxe no cómic Los llazos coloraos de Alberto Vázquez García.[3]
Notas
editar- ↑ Simón, Patricia (7 de marzo de 2018). "Las mujeres que pararon dos meses a Franco". Nodo50 (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2024.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Burgos, Ernesto (27 de xuño de 2017). "El retrato de Tina, rapada por la Policía". La Nueva España (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 Villacorta, Azahara (9 de maio de 2019). "Y Anita Sirgo se hizo cómic". El Comercio (en castelán). Consultado o 3 de novembro de 2024.
- ↑ Gómez Ojea, Carmen (2010). Mujeres en el callejero de Gijón/Xixón (PDF) (en castelán). Xixón: Ayuntamiento de Gijón.
- ↑ Castaño, Aitana (27 de xaneiro de 2008). "Anita Sirgo, con los suyos". La Nueva España (en castelán) (Langreu). Consultado o 3 de novembro de 2024.