Thymelicus sylvestris

Thymelicus sylvestris
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Hexapoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Suborde: Glossata
Infraorde: Heteroneura
(sen clasif.): Ditrysia
Superfamilia: Papilionoideas
Familia: Hesperiidae
Subfamilia: Hesperiinae
Xénero: Thymelicus
Especie: ''T. sylvestris''
Nome binomial
'Thymelicus sylvestris'
Poda, 1761
Sinonimia

véxase o texto

A Thymelicus sylvestris é unha pequena bolboreta laranxa da familia Hesperiidae que habita bancais con herbas e prados.[1] Foi descrita por Nikolaus Poda von Neuhaus en 1761 como Papilio sylvestris.[2]

Outras especies parecidas coas que se pode confundir son: T. acteon e T. lineola.

Descrición editar

Son pequenas, de 2,5 a 3 cm de envergadura, ás anteriores entre 13 e 15 mm, máis grandes as femias que os machos, nos que a parte inferior da maza das antenas é de cor laranxa. En ambos os sexos o anverso das ás é de cor laranxa, coas veas resaltadas en negro, cunha liña escurecida marxinal e fimbrias esbrancuxadas a continuación. A zona basal de ambas as ás e a costa e dorso das posteriores tamén aparecen escurecidas. Os machos posúen unha liña negra androconial desde V1 a V3 nas ás anteriores.

 
Macho de Thymelicus sylvestris. As frechas mostran a mancha androconial e a cor laranxa na parte inferior das mazas das antenas.

O reverso en ambos os sexos é máis amarelado, co ápice de ambas as ás de cor gris verdoso —máis estendido nas posteriores—, as zonas basais escurecidas e unha mancha escura no espazo E1a.[1]

Como o resto de especies da súa familia as eirugas son fusiformes. Os imagos presentan as súas cabezas máis anchas que o tórax, ollos grandes que sobresaen e moi separados e palpos e antenas curtas moi separadas na base. As patas son fortes, curtas e espiñentas e as ás estreitas e curtas, o que lles permite voar de maneira caótica e rápida.[3]

Ciclo biolóxico editar

É unha especie univoltina. As femias poñen grupos de ovos de 5 a 15 sobre gramíneas. A finais do verán as eirugas eclosionan e devoran a envoltura que as protexía, forman un casulo protector enrolando unha folla da planta e desa forma superan a diapausa invernal. A finais do inverno as eirugas reactívanse alimentándose de plantas dos xéneros Aira, Piptatherum, Holcus, Phleum, Brachypodium, Deschampsia e Oryzopsis durante case dous meses. Mentres se alimentan permanecen ocultas enrolando as follas das gramíneas. Completado o período de alimentación forman un casulo de seda e fragmentos da folla hospedadora que protexe á crisálide e fíxano ao talo da súa planta nutricia de onde sairá a bolboreta a finais da primavera. Os imagos voan até mediados de verán e son especialmente atraídos polas flores violetas, como as dos cardos e trevos.[3][2]

Distribución e hábitat editar

É unha especia abundante que pode ser vista en camiños, claros de bosque, prados, monte baixo e bancais floridos até os 1800 m de altitude ou máis.[3][4]

Atópase dende Marrocos e a Península Ibérica até Irán. En Europa distribúese até Dinamarca, faltando do norte das Illas Británicas e da maioría das illas mediterráneas. Aparece en Marrocos e Alxeria, pero non en Tunisia.[1]

Sinonimia editar

  • Papilio sylvestris Poda, 1761
  • Papilio flava Brünnich, 1763
  • Papilio flava (Pontoppidan, 1763)
  • Hesperia thaumas Hufnagel, 1766
  • Papilio linea Denis & Schiffermüller, 1775
  • Papilio flavus Müller, 1776
  • Thymelicus flavus (Brünnich, 1763)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Higgins, L. G. e N. D. Riley (1980)
  2. 2,0 2,1 Savela, M. (2011)
  3. 3,0 3,1 3,2 Aguado Martín, O. L. (2007), p. 736
  4. Leraut, P. (2007)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aguado Martín, O. L. (2007). Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros) Especies, biología, distribución y conservación II. Valladolid: Junta de Castilla y León. p. 1041. ISBN 978-84-9718-474-8. 
  • Higgins, L. G. e N. D. Riley (1980). Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Omega. p. 452. ISBN 84-282-0327-X. 
  • Leraut, Patrice (2007). Insectos de España y Europa. Barcelona: Lynx Edicions. p. 528. ISBN 978-84-96553-27-9. 
  • Savela, Markku (2011). "Lepidoptera and some other life forms" (en inglés). Consultado o 13 de marzo de 2011.