Diapausa
Diapausa é un estado fisiolóxico de inactividade, ou letargo, en estado embrionario ou postembrionario, dalgúns seres vivos, especialmente os insectos, produto dunha adaptación da especie a condicións de alimentación ou temperatura adversas, ou para sincronizaren a aparición dos adultos de toda a poboación, o que favorece a coincidencia dos sexos.[1][2] Os seus factores causantes e terminantes son ben específicos.[3] Úsase a miúdo para sobrevivir en condicións ambientais desfavárabeis e predicíbeis, tales como temperaturas extremas, seca ou carencia de alimento.
Etimoloxía
editarO termo diapausa, que quizais fose cuñado polo entomólogo William Wheeler en 1893, como diapause, en inglés, deriva do termo do grego antigo διαπαύσις diapaúsis, á súa vez derivado do verbo δια-παύομαι diapaúomai, "cesar por algún tempo", "facer pausa".[4]
Definición
editarHai varias definicións e pode usarse en diversos contextos, pero úsase máis comunmente en artrópodos, especialmente en insectos. Unha das definiciones máis explícitas que cobre os trazos máis fundamentales é a seguinte:
A diapausa é un estado dinámico de baixa actividade metabólica mediado por neurohormonas. En asociación con isto hai unha redución de morfoxénese, aumento da resistencia aos extremos ambientais e redución ou alteración das actividades. A diapausa ocorre durante un estado do desenvolvemento predeterminado xeneticamente. A súa expresión completa segue un patrón específico para cada especie, xeralmente en resposta a estímulos ambientais que preceden ás condicións desfavorábeis. Unha vez iniciada a diapausa suprímense as actividades metabólicas aínda cando as condicións ambientais favorábeis continúen.[5][6]
Un aspecto moi importante da diapausa é que non só é inducida por estímulos específicos, senón que tamén necesita estímulos específicos para terminar. Isto é esencial para diferenciar a diapausa doutros tipos de dormancia tales como a hibernación.
Os niveis de actividade durante os estadios de diapausa poden variar moito segundo as especies.[5] A diapausa pode ocorrer nun estadio de inactividade completa, como na pupa ou no ovo, ou en estadios moi activos capaces de efectuar migracións considerábeis, tales como a bolboreta monarca, Danaus plexippus.
Noutros grupos
editarUn fenómeno similar oourre coas sementes e outros estados de repouso de diversas plantas. Nos ovos de certos vertebrados hai un fenómeno coñecido ás veces como diapausa embrionaria ou implantación diferida, que non é directamente equivalente á diapausa dos artrópodos, aínda que en ambos os casos hai unha interrupción da actividade metabólica.
Notas
editar- ↑ VV.AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-1.
- ↑ Ledo Cabido, B., dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
- ↑ Chapman, R. F. (1998): The Insects: Structure and Function, 4th ed. New York: Cambridge University Press. ISBN 0-5215-7890-6, p. 403.
- ↑ diapause no Merriam-Webters Unabriged Dictionary.
- ↑ 5,0 5,1 Tauber, M. J.; Tauber, C. A. & Masaki, S. (1986): Seasonal Adaptations of Insects. New York: Oxford University Press. ISBN 0-1950-3635-2.
- ↑ Blas, M. et al. (1987): Artròpodes (II). Història Natural dels Països Catalans, 10. Barcelona: Enciclopèdia Catalana, S. A. ISBN 84-7739-000-2.