Atún vermello

(Redirección desde «Thunnus thynnus»)
Para outras especies diferentes, ver artigo Túnidos
Atún vermello
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Scombridae
Subfamilia: Scombrinae
Xénero: Túnidos
Subxénero: Túnidos
Especie: Thunnus thynnus
Sinonimia[2]
  • Scomber thynnus Linnaeus, 1758

Dáse o nome común de atún a diferentes especies de peixes, habituais en tódolos mares do mundo, agrupados baixo a denominación colectiva de túnidos. Aínda así, adoita reservarse o nome de atún, sen máis cualificativos, ou atún vermello, para o Thunnus thynnus [3].

Descrición editar

Como o resto dos túnidos, ten un corpo fusiforme, máis robusto na metade anterior. Pode chegar a tamaños de ata 3 metros aínda que o habitual son cifras de entre 1 e 2 metros, e o peso pode chegar ós 650 kg [4]. É a especie de atún que alcanza maiores tamaños.

Toda a zona dorsal é de cor azul moi escura, case negra, sen marcas de cor ningunha. Os costados son prateados, aclarando cara ó ventre. En vida, presentan no ventre unhas bandas e puntos grises, que trala morte xa non se aprecian.

 
Atún vermello [5]

Presenta dúas aletas dorsais, a segunda maior -en altura e lonxitude- que a primeira, moi xuntas. A primeira mostra 12-14 raios espiñosos e a segunda só un, cos restantes raios brandos (13 a 15). A primeira dorsal é de cor amarela ou azulenta pero a segunda é de cor castaña ou avermellada, carácter ó que lle debe o nome. A aleta pectoral non chega ó nacemento da segunda dorsal, sendo esta unha característica que permite diferencialo doutros atúns. A aleta anal (que carece de raios espiñosos) é case negra. Ten 8-10 pínnulas dorsais e 7-9 anais, de cor amarelada co bordo negro.

En relación con outras especies de túnidos, esta especie ten os ollos relativamente pequenos. Outro carácter identificativo é o número de dentes do primeiro arco branquial (34 a 43).

Canto ás características anatómicas, o fígado presenta estrías na superficie inferior [6]

Ecoloxía editar

Móvese en bancos pouco numerosos e en augas superficiais [7], normalmente a altas velocidades (cítanse valores de 80–90 km/h).

O atún vermello está presente en todo o Atlántico norte, no mar Mediterráneo e no mar Negro. Prefire augas de temperaturas ó redor dos 20 °C pero soporta sen problema ningún oscilacións entre os 5 e os 30 °C. Como outros túnidos, realiza movementos migratorios periódicos coñecidos desde hai séculos e que xa foron descritos por Aristóteles. Mediante o marcado de individuos que logo son devoltos ó mar puideron comprobarse desprazamentos desde México ou Florida ata Xapón ou o mar Cantábrico.

Para os efectos de cálculo de stocks e control de capturas estímanse dúas poboacións: Atlántico oeste e Atlántico este (que inclúe o Mediterráneo), ademais dunha subpoboación en Suráfrica. Os exemplares do Atlántico oeste adoitan alcanzar tamaños aínda maiores cos do leste, pero maduran sexualmente máis tarde.

Calcúlase que a súa lonxevidade supera os 15 anos. Alcanza a madurez sexual ós 4-5 anos, cun tamaño de 1-1,2 m e un peso de 15–25 kg. É carnívoro e aliméntase de sardiñas, bocartes ou arenques.

Aproveitamento pesqueiro editar

Ver artigo principal: Túnidos.

As migracións antes mecionadas desde o Atlántico ó Mediterráneo para desovar (en maio ou xuño), e viceversa (para pasa-lo inverno en mares máis fríos), foron aproveitadas polos pescadores desde tempos históricoas, para capturalos mediante a arte de pesca denominada palangre. Outra técnica, moderna, consiste en agrupalos mediante redes colocadas no seu percorrido para logo pescalos con cana ou directamente con garfos. Xa os fenicios utilizaron a tal fin unha arte de pesca específica para esta especie, as almadrabas [8], que aínda se seguen a utilizar no Mediterráneo, hoxe convertidas en verdadeiras granxas mariñas de engorde de atúns.

A sobreexplotación dos bancos de atúns, xunto á captura de exemplares subadultos, levounos a unha situación crítica. Segundo a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA), a poboación de atún vermello no Atlántico occidental diminuíu nun 90% desde os anos 70 e nun 50% a do Mediterráneo. Outros indicadores da gravidade da situación foron a constatación da dimiminución da biomasa de reprodutores a só o 20% do nivel que existía en 1970 e que a captura de exemplares por debaixo do talle mínimo legal, establecido en 6,4 kg, representa a matade do total de capturas [2].

É difícil manter o atún en catividade. O acuario da badía de Monterrey (México) é un dos poucos acuarios no mundo que manteñen con éxito a exhibición do atún.

Alimentación editar

O atún é un peixe moi apreciado na alimentación. É un peixe graxo por excelencia, cun 12% de graxa, rica en ácidos omega-3, e unha achega de 200 cal por 100 gramos. Pódese consumir directamente asado, á grella, ó forno, guisado ou mesmo cru, en carpaccio; ou en conserva. En Andalucía é típica a preparación de mojama: lombo de atún salgado e desecado. No País Vasco e Cantabria, a preparación máis característica é o chamado marmitako, guisado con salsa de tomate.

A pesca do atún, intensa desde hai séculos, viuse amplamente impulsada polo uso na gastronomía oriental, principalmente no Xapón, onde resulta moi apreciado para a elaboración do suxi, do sashimi ou do tataki, pratos hoxe xa difundidos noutras culturas. Actualmente, expórtase ao Xapón ó redor do 70% das capturas realizadas no Mediterráneo, a prezos que alcanzan os 100 euros/kg [9].

Notas editar

  1. Collette, B., Amorim, A.F., Boustany, A., Carpenter, K.E., de Oliveira Leite Jr., N., Di Natale, A., Die, D., Fox, W., Fredou, F.L., Graves, J., Viera Hazin, F.H., Hinton, M., Juan Jorda, M., Kada, O., Minte Vera, C., Miyabe, N., Nelson, R., Oxenford, H., Pollard, D., Restrepo, V., Schratwieser, J., Teixeira Lessa, R.P., Pires Ferreira Travassos, P.E. & Uozumi, Y. (2011). "Thunnus thynnus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 14 December 2011. 
  2. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Thunnus thynnus' (TSN 172421)" (en inglés). 
  3. En castelán coñécese como atún rojo, cimarrón ou buey de los cartujos. Este último nome, documentado xa na Idade Media, alude á semellanza da súa carne á da carne de boi pero que, ó ser peixe, podía comerse durante a Coresma. En portugués, atum-rabilho; en inglés, bluefin (Northern bluefin tuna); en francés, thon rouge; en catalán, tonyina; en vasco, hagalaburra.
  4. A Fishbase.org recolle como cifras máximas unha lonxitude de 458 cm e un peso de 684 kg.
  5. Debuxo de Robbie N. Cada (FishBase)
  6. Só outra especie deste grupo presenta estas estrías, a albacora. No resto das especies a superficie inferior do fígado é lisa.
  7. Realmente, son peixes que baixan a profundidades maiores durante o día e ascenden á superficie durante a noite.
  8. Conxunto de redes que van confluíndo nunha cámara final pechada.
  9. Datos de xuño de 2008 [1][Ligazón morta]. La axencia EFE daba no 2007 a noticia da poxa dun atún vermello de 206 kg na lonxa de Tokio por un valor duns 27.000 euros, moi lonxe do récord ó que chegou outro, de 202 kg, no ano 2001, polo que se pagaron 130.000 euros (La Voz de Galicia, 6.01.2007).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • ÁLVAREZ, Cristino (2004): "Atún rojo. Con permiso del mikado", en La Voz de Galicia, 29.02.2004.
  • Comité Permanente de Investigacións e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) (sen data): Glosario de términos pesqueros [3].
  • Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (2007): Anuario de pesca 2006.
  • LÓPEZ MUÑOZ, Daniel (coord.) (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
  • MARCH, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
  • MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
  • SÁNCHEZ, Carlos Maniel: "La matanza del atún rojo", en El Semanal, 30.04.2000.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar