Tetracerus quadricornis

Tetracerus quadricornis é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos,[2] e tribo dos boselafinos, coñecido na bibliografía como antílope de catro cornos.

Tetracerus quadricornis
Antílope de catro cornos

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Tribo: Boselaphini
Xénero: Tetracerus
Leach, 1825
Especie: T. quadricornis
Nome binomial
Tetracerus quadricornis
Blainville, 1816
Especie tipo
Cerophorus quadricornis
Blainville, 1816
Distribución de Tetracerus quadricornis
Distribución de Tetracerus quadricornis

Distribución de Tetracerus quadricornis

É o único membro do xénero Tetracerus e o único bóvido de catro cornos. Distribúese amplamente, pero en poboacións descontinuas, na maior parte da India, desde os contrafortes do Himalaia; algúns individuos poden vivir no Nepal.[3]

Características editar

Tetracerus quadricornis mide de 80 a 110 cm de lonxitude de cabeza e tronco, máis unha cola de 10 a 15 cm; a súa altura na cruz é de 55 a 65 cm, e pesa entre 15 e 25 kg.

O pelo é curto e delgado, de coloración xeral parda; a parte interior das patas e a zona ventral son de cor branca. Os machos son de cor parda avermellada polas partes superiores, e teñen unha banda escura que se estende cara a abaixo na parte frontal de cada pata; os máis vellos son de cor amareleada. As femias xeralmente son de cor algo máis agrisada.

Só os machos teñen cornos: un par de pequenos cornos rectos en forma de puga detrás dos ollos e un segundo par de cornos máis pequenos enriba deles.[4] O par posterior mide de 80 a 100 mm de lonxitude, e o frontal de 25 a 38 mm.

Bioloxía editar

O hábitat e a ecoloxía da especie non son ben coñecidos. Encóntranse en outeiros ben arborados ou en zonas montañosas, e nunca lonxe da auga.[3]

Comportamento editar

É unha especie solitaria,[3] e rara vez se encontran máis de dous exemplares xuntos. Estes animais son sedentarios e viven na mesma rexión durante toda a súa vida. Poden ser facilmente domesticados cando son novos, pero resultan extremadamente delicados en cativerio.

Alimentación editar

Aliméntanse de ramas de árbores e arbustos, froitos e herbas.[3]

Reprodución editar

O machos poden seren extremadamente agresivos entre si durante o período de celo. O apareamento ten lugar durante a temporada de chuvias, de xullo a setembro. Polo xeral nacen unha ou dúas crías por parto, cun peso medio de ao redor de 1 kg cada unha.

Lonxevidade editar

o antílope de catro cornos pode vivir en catividade até os 10 anos de idade.

Depredadores editar

A especie é cazada por cuóns, tigres, gatos pequenos, lobos e leopardos. Crese que o seu método defensivo é a atenta vixilancia e a súa velocidade.

Taxonomía editar

 
Cabeza de macho de Tetracerus quadricornis.

O xénero Tetracerus foi fundado en 1825 polo zoólogo inglés William Elford Leach, e publicado en Trans. Linn. Soc. Lond., 14: 524.[5]

A súa única especie fora descrita por primeira vez en 1816 polo naturalista francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, baixo o nome de Cerophorus quadricornis, na súa obra "Sur plusieurs espèces d'animaux mammifères, de l'ordre des ruminans", publicada no Bulletin des Sciences, par la Société Philomathique de Paris 8: 73-82.[6]

Máis tarde foi reclasificada no xénero Tetracerus, resultando así o redundante nome, en grego e en latín, que ten hoxe, Tetraceus quadricornis:

  • Tetracerus, do elemento grego τετρα- tetra-, "de catro", e κέρας kéras, "corno";
  • quadricornis, dos elementos latinos quadri- "de catro", e -cornis, de cornu, -us, "corno".

Poboación e status editar

A poboación estimábase en 2001 en menos de 10.000 individuos maduros.[7] Debido á perda de hábitat de bosque, hai un continuo descenso da poboación, estimándose que ningunha subpoboación contén máis de 1.000 individuos maduros.

A principal amenaza para a especie é a destrución do seu hábitat debido á eliminación de matogueiras e bosques para conseguir terreos para a agricultura. Porén, a especie encóntrase en moitas áreas protexidas na India, e a especie está totalmente protexida pola lei de protección da vida silvestre. Está na lista do Apéndice III do CITES (só no Nepal).[8]

A situación da especie está clasificada pola UICN como de VU (especie vilnerábel).[8]

Notas editar

  1. Mallon, D.P. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Tetracerus quadricornis en Wilson & Reeder (2005)
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rahmani, A. R. (2001): "India". En: D. P. Mallon & S. C. Kingswood (eds.), Antelopes. Part 4: North Africa, the Middle East, and Asia. Global Survey and Regional Action Plans, pp. 178-187. Gland, Suíza: UICN.
  4. Matthews, L. Harrison (1977): La Vida de los Mamíferos II. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X, p. 706.
  5. Tetracerus en Wilson & Reeder (2005).
  6. quadricornis Blainville, 1816 described in Cerophorus en AnimalBase. SUB Göttingen.
  7. Mallon, D. P. & S. C. Kingswood, eds. (2001): Antelopes. Part 4: North Africa, the Middle East, and Asia. Global Survey and Rgeional Action Plans, pp. 178-187. Gland, Suíza: UICN.
  8. 8,0 8,1 Mallon, D. P. (2008): Tetracerus quadricornis Arquivado 15 de outubro de 2014 en Wayback Machine. na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar