Teatro Vilafranquino

teatro en Vilafranca do Bierzo

O Teatro Vilafranquino, coñecido actualmente como Teatro Vilafranquino Enrique Gil y Carrasco, é un teatro situado en Vilafranca do Bierzo.[1][2][3]

Teatro Vilafranquino Enrique Gil e Carrasco
Edificio
TipoTeatro
LocalizaciónVilafranca do Bierzo, Castela e León, España
Coordenadas42°36′23″N 6°48′35″O / 42.606436111111, -6.8095916666667Coordenadas: 42°36′23″N 6°48′35″O / 42.606436111111, -6.8095916666667
PropietarioConcello de Vilafranca do Bierzo
Remate1843
editar datos en Wikidata ]
Portada dun exemplar dos Estatutos da Sociedade de Teatro que fundou o Teatro de Vilafranca do Bierzo en 1843

Historia editar

Este teatro estaba en construción en 1842, segundo consta nas actas municipais de Vilafranca do Bierzo dese mesmo ano e debeu estrearse como tal con motivo da creación da Sociedade de Teatro de Vilafranca, un 26 de xaneiro de 1843 como testemuña, entre outros documentos, un exemplar dos seus estatutos. Os estatutos da Sociedade de Teatro de Vilafranca inclúen unha lista de 43 socios aos que se engade un grupo denominado de “Socios correspondentes” seguramente por residiren fóra da vila, que impulsan co seu prestixio a iniciativa, todos eles son personalidades destacadas nese momento. Encabeza esa listaxe por idade e respecto, Pelegrín Saavedra, unha coñecida autoridade política e relixiosa. Séguenlle dous escritores Enrique Gil y Carrasco e Antonio Fernández Morales, despois vén detrás o amigo persoal de Gil e editor das súas obras, Joaquín del Pino.[4]

Nace no contexto do auxe do teatro romántico e é pois o teatro máis antigo que se conserva na provincia de León sendo un dos poucos teatros históricos do XIX do noso país. Trátase dun espazo que desde o seu nacemento, aínda que rehabilitado en distintos momentos, non se deixou de facer uso del. Ocupa un lugar destacado no Conxunto Histórico Artístico de Vilafranca e, en relación coa súa posta en valor, incorporouse o nome de Enrique Gil e Carrasco, o escritor romántico, crítico teatral e autor vilafranquino máis coñecido do século XIX. Estes datos foron publicados recentemente no ano do bicentenario do citado autor e a raíz do "Congreso Internacional: Enrique Gil e Carrasco e o Romanticismo" que foi inaugurado precisamente no mesmo teatro en 2015.[5]

A partir de 1903 levouse a cabo nel unha importante rehabilitación que concluíu en setembro de 1905 como reza nunha pintura mural sobre a escena. Respectando o seu estilo que se basea nos canons estéticos do momento, entre os que se destacan elementos de índole artística como o pano neoclásico ou o mural sobre o escenario asinado por Demetrio Monteserín. Ten unha capacidade máxima de 234 butacas.

Nos primeiros meses do golpe militar do 18 de xullo de 1936 foi un dos lugares de detención ilegal da vila. Alí os falanxistas encerraban a civís republicanos e de alí sacábanos para asasinalos. Ese foi o caso dos coñecidos como "trece de Priaranza"; levados dende alí nun camión de gasosas, a noite do 16 de outubro de 1936, para seren asasinados nunha cuneta en Priaranza do Bierzo e logo ser soterrados nunha fosa común onde permaneceron até outubro do ano 2000, cando foron exhumados polo pulo da familia de Emilio Silva Faba.

En setembro do ano 2005 adaptáronse as instalacións con novas medidas de seguridade. En 2007 o concello buscou solucións para evitar o seu peche debido ás perdas que ocasiona.[6]

Aínda que se inaugurou como teatro, ao longo da súa vida acolleu multitude de actos literarios, musicais, políticos e sociais. Dous dos actos máis nomeados que acolle son o Festival de Cine Cinefranca e o Festival de Curtametraxes que se celebra todos os anos en decembro.[7]

Notas editar

  1. "Un teatro para Gil y Carrasco". El Bierzo Noticias. 21/2/2016. Consultado o 9/12/2017. 
  2. "El renombramiento del Teatro Villafranquino Enrique Gil y Carrasco clausura el Año Romántico" (en castelán). Consultado o 9/12/2017. 
  3. "España es cultura". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 08 de xuño de 2020. 
  4. O teatro romántico da capital histórica do Bierzo e os seus socios fundadores Enrique Gil e Fernández Morales, H.M. Silveiro Fernández, Revista del Instituto Estudios Bercianos nº39 páx. 213-240 (xullo de 2015) o en versión dixital:Antonio Fernández Morales e o teatro de Vilafranca Arquivado 18 de maio de 2017 en Wayback Machine.
  5. El amigo villafranquino de Enrique Gil: Joaquín del Pino. Héctor Silveiro Ares y Héctor Silveiro Fernández "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13/02/2017. Consultado o 08/06/2020. 
  6. "El Ayuntamiento busca una alternativa de uso para evitar el cierre del Teatro Villafranquino" Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Diario de León, 18/11/2007 (en castelán).
  7. Cinefranca. Páxina web do concello de Villafranca del Bierzo