Teófilo Caamaño

mariñeiro e guerrilleiro antifascista galego

Teófilo Caamaño Caamaño, nado en Carnota en 1912 e finado na Coruña en 1997, foi un mariñeiro e guerrilleiro antifascista galego.

Teófilo Caamaño
Nome completoTeófilo Caamaño Caamaño
Nacemento1912
Lugar de nacementoCarnota
Falecemento1997
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmariño
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Nado no seo dunha humilde familia mariñeira, Teófilo navegou desde moi novo no barco de tres paus do seu pai, primeiro transportando pasaxeiros polo litoral da Costa da Morte, e logo subministrando tella ás súas poboacións costeiras.[Cómpre referencia]

De ideoloxía declaradamente galeguista e de esquerdas, foi sorprendido atopándose nun mercante en Melilla polo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e estivo a piques de ser fusilado.[Cómpre referencia] Enrolado pola forza na Lexión, valeulle para cruzar o estreito para unirse á resistencia republicana.[Cómpre referencia]

Derrota republicana editar

Trala derrota do bando republicano, Teófilo conseguiu escapar por mar a Francia, onde o sorprendeu o estoupido da segunda guerra mundial atopándose nun dos varios campos de refuxiados polos que pasara, uníndose á resistencia francesa contra os nazis e sendo apreixado e retido máis tarde no campo de concentración de Mauthausen, de onde tamén logrou escapar a nado se ben perdeu nela a familia directa que tiña.[Cómpre referencia] Finalmente, e xa enrolado na guerrilla dos maquis, Teófilo formou parte da 2ª División Blindada de Francia Libre, tamén coñecida por división Leclerc, a primeira columna aliada que entrou vitoriosa en París trala súa liberación en agosto de 1944, o que lle valeu numerosas distincións militares.[Cómpre referencia]

Regreso clandestino a España editar

Máis tarde, conseguiu atravesar clandestinamente a fronteira franco-española para rematar traballando -de xeito sempre temporal- nos labores e nos lugares máis diversos. Durante unha das súas viaxes, no ano 1975 coñece a Amancio Prada en Segovia, co que trabou unha forte amizade persoal. O intenso sentimento de morriña de Teófilo levouno a compartir co cantautor leonés as súas memorias e sobre todo os relatos, coplas e cantares da súa terra natal de Carnota que mantiña frescos na memoria, e moitas das cales se verían reflectidas na obra de Amancio Prada, e en especial nos álbums Caravel de Caraveles[1] e De mar e terra[2]. Dedicoulle estas palabras:

"[Caravel de Caraveles] dediqueillo a Calila porque moitas das súas coplas ensinoumas ela; outras lembrábaas da miña infancia e non poucas aprendinas de Teófilo Caamaño. Teófilo foi un trotamundos marabilloso que coñecín un día de verán daquel mesmo ano do 75, aos poucos días de chegar a vivir a Segovia, paseando ao anoitecer pola Alameda do Eresma."[3]

Os últimos anos da súa vida pasounos no total esquecemento nunha residencia de anciáns de Segovia. Tras a súa morte no ano 1997, a familia que lle quedaba en Carnota fixo unha colecta para sufragar o retorno do corpo de Teófilo á súa terra natal, e o enterro no cemiterio da localidade. En Nadal de 2001 o Concello de Carnota rendeulle unha homenaxe cun recital poético[4].

Teófilo na obra Escapado editar

En 2009 Luis Lamela publica "Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón"[5], unha obra narrativa inspirada na represión franquista na Costa da Morte durante os primeiros compases da Guerra Civil, na que o protagonista principal chámase Teófilo Caamaño Formoso. Porén, trátase dunha obra de ficción e os feitos desa personaxe non se corresponden cos da vida de Teófilo Caamaño Caamaño.

Notas editar

  1. Amancio Prada (Maio de 1976). Caravel de caraveles. 
  2. Amancio Prada (1999). De mar e terra. Coplas de tradición oral. 
  3. Amancio Prada. "Fotos y Canción con Calila.". Consultado o 28/09/2015. 
  4. J.M.Sande. "La programación navideña de Carnota incluye teatro, poesía, música y dos exposiciones". La Voz de Galicia. Consultado o 28/9/15. 
  5. Lamela, Luis (2009). Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón. Xerais. ISBN 978-84-9914-019-3.