Tampón hixiénico

Un tampón é un artigo de hixiene para absorber o fluxo da menstruación. O máis común na actualidade é que se vendan como unidades desbotábeis. Insírense manualmente até o fondo da vaxina e extráense mediante un cordón. O tampón ten forma de tubo, cun núcleo comprimido de material absorbente. Tamén se comercializan modelos con aplicador, formado por dous tubos de cartón ou plástico, un interior e outro exterior, que permiten a súa colocación sen tocalo coas mans.

Tampón con aplicador.

Os tampóns téñense utilizado para interromper outras hemorraxias, como as nasais ou as ocasionadas por proxectís. Permiten bañarse ou nadar durante o período menstrual, así como practicar deportes e outras actividades que as compresas dificultan. Nalgunhas ocasións, utilízanse para a aplicación interna de fármacos.

Un tampón colocado na vaxina.

Algúns tampóns de alta absorbencia teñen ocasionado casos de síndrome de shock tóxico (SST), unha infección por toxinas bacterianas que pode chegar a ser mortal en casos moi illados. Aínda que este risco segue a mencionarse nalgúns ámbitos, non está demostrada a relación entre a SST e os tampóns actuais [cita requirida]. Malia isto, recoméndase utilizar a absorbencia apropiada para cada día do período menstrual. [Cómpre referencia]

Nos países onde a virxindade é un símbolo da reputación feminina, é frecuente a dúbida de se os tampóns menstruais poden romper o hime. Isto é practicamente imposíbel, porque este ten unha apertura pola que baixa o fluxo menstrual, xusto onde se insire o tampón.

Graos de absorción editar

Os tampóns teñen un grao en relación coa cantidade de fluxo que poden absorber:

Grao de absorción Fluxo
Menos de 6 gramos Pouco fluxo
De 6 a 9 gramos Fluxo lixeiro/moderado
De 9 a 12 gramos Fluxo moderado/abundante
De 12 a 15 gramos Fluxo moi abundante

É importante escoller o grao correcto, xa que se a absorción é moi alta pode producirse secura e molestias ao extraelo. En caso de dúbida, é recomendábel escoller a menor absorción e cambialo cada 4 - 8 horas dependendo do fluxo.

Historia editar

Prototipo editar

Cara ao ano 500 a.C., Hipócrates inventou un primeiro mecanismo similar a un tampón e fomentou o seu uso. Estaba feito de gasa de fío enrolado a un anaco de madeira lixeira.

Materiais editar

Os primeiros tampóns, de papiro abrandado, estaban reservados para as clases sociais altas en Exipto, Asiria e no Imperio Babilónico. Nas clases populares usábase cana acuática suavizada.

Noutros lugares do mundo, os tampóns improvisábanse co material dispoñíbel en cada rexión. En Roma usábase la; no Xapón, papel; en Indonesia, fibras vexetais; na África ecuatorial, rolos de herba.

Primeiros tampóns de la editar

No Imperio Bizantino, arredor do século VI, a nobreza utilizaba uns tampóns feitos na Península de Crimea coa mellor la, peiteada e enrolada dunha maneira moi concreta. Esta pode ser considerada a primeira fábrica oficial de tampóns da historia.

Uso médico editar

Na Idade Media, o Renacemento e mesmo até o século XIX, empregábanse en medicina tampóns de algodón para aplicar antisépticos ou para axudar a frear hemorraxias na vaxina.

Século XX editar

 
Tampón de algodón

Durante principios do século XX, o tampón adquiriu moi mala imaxe debido aos prexuízos morais relacionados coa menstruación. Nesa época, as actrices e as bailarinas, que non podían deixar de usar protección durante a regra, fabricaban tampóns de algodón caseiros.

Na década de 1940, cando os Estados Unidos entraron na segunda guerra mundial, os homes enroláronse no exército e as mulleres ocuparon os postos de traballo destes, co que entraron no mundo laboral. Nese momento, o tampón converteuse nun obxecto de gran relevancia, xa que permitía maior liberdade de movemento, comodidade e seguranza. Deste xeito, fíxose popular na sociedade e comezou a estenderse o seu uso.

Impacto ambiental editar

No tratamento como residuo debe terse en conta a súa composición. Ademais, despois de usado, ten restos biolóxicos susceptibles de conter patóxenos. Segundo o método empregado na súa eliminación, terá impacto no tratamento de augas residuais ou nos sistemas de separación de lixo.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar