A Stoá Pécila (en grego Ποικίλη Στοά Poikile Stoà) era un monumento da antiga Grecia erixido ao norte da ágora de Atenas descuberto en 1981. Segundo a cerámica atopada, o edificio pódese datar entre os anos -475 e -450. O achado foi posible grazas ao testemuño de Pausanias.

Stoá Pécila
Coordenadas37°58′35″N 23°43′23″L / 37.9763, 23.723Coordenadas: 37°58′35″N 23°43′23″L / 37.9763, 23.723
editar datos en Wikidata ]
Mapa cos principais edificios da ágora. A Stoá Poikile é o número 20.

A stoá tiña columnas dóricas no exterior e columnas xónicas no interior. Estaba orientado cara ao sur, o que permitía a entrada de máis calor solar no inverno, mentres que os ventos xeados do norte eran detidos pola fachada posterior.

Ao principio o edificio chamábase Pisianacteo polo seu construtor Pisiánax[1]. Pouco despois da súa construción, porén, foi decorada con pinturas, e comezou a chamarse póikile (pécila): pintada, multicolor. Estes cadros foron realizados por eminentes artistas de Atenas: Polignoto, Micón e Paneo. Polignoto, segundo Plutarco, cando pintaba as troianas, representou o rostro de Laódice a imaxe do de Elpinice. Tamén indica que pintou a stoa de balde, para ser lembrado con honra pola cidade, como narran os historiógrafos. Melancio tamén engade: "Así que, sen ningunha remuneración, decorou os templos dos deuses e a ágora de Cécrope con monumentos heroicos[2]".

As pinturas están descritas con detalle por Pausanias, que aínda tivo ocasión de admiralas[3]. Nas pinturas representáronse os grandes fitos militares, tanto históricos como mitolóxicos, de Atenas. Ademais, a stoá contiña escudos de bronce e armamento requisado aos vencidos.

Esta stoá orixinou o nome da escola filosófica dos estoicos. O fundador do movemento, Zenón de Citio, tiña o costume de ensinar alí.

  1. Plutarco, Cimón 4.6
  2. Plutarco, op. cit. 4.7
  3. Pausanias, Descrición de Grecia i.15.1-2.

Véxase tamén

editar