Steno bredanensis

Steno bredanensis é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos,[4][5] a única do xénero Steno,[6][7] que vive nas augas tropicais e subtropicais de todo o mundo.[1][8][9]

Steno bredanensis
Golfiño de dentes rugosos

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Steno
Gray, 1846 [2]
Especie: S. bredanensis
Nome binomial
Steno bredanensis
(Cuvier, 1823) [3]
Distribución de Steno bredanensis
Distribución de Steno bredanensis

Distribución de Steno bredanensis
Sinonimia
Véxase o texto
Lámina de Steno perspicillatus (= S. bredanensis), de F. W. True (1858-1914).

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita por primeira vez en 1828 polo naturalista francés Georges Cuvier, co nome de Delphinus bredanensis.[4] na obra de Lesson Hist. Nat. Gen. Part. Mamm. Oiseaux, 1: 206.[5] Máis tarde reclasificouse no xénero Steno.

Etimoloxías editar

Xénero

O nome do xénero Steno, creado por John Edward Gray en 1846, e do que esta especie é a única especie, provén do grego antigo στενός stenós, "estreito", aludindo ao seu aguzado bico, que é un diagnóstico característico da especie.

Especie

O nome específico, bredanensis, dedicoullo Cuvier ao seu amigo o naturalista neerlandés Jakob van Breda, que acompañou ao francés en varias expedicións e despois estudou os seus escritos.

Sinónimos editar

Xénero:[2]

  • Glyphidelphis Gervais, 1859

Especie:[3]

  • Delphinus rostratus Desmarest, 1817
  • Delphinus bredanensis G. Cuvier in Lesson, 1828
  • Delphinus compressus Gray, 1843
  • Delphinus perspicillatus Peters, 1876
  • Steno perspicillatus (Peters, 1876)

Nomes vulgares editar

Na bibliografía internacional a especie coñécese con nomes vulgares equivalentes a golfiño de dentes rugosos ou golfiño de fociño estreito.[10]

Subespecies editar

A especie non ten subespecies recoñecidas.[5]

Características editar

 
Saltando.

As principais características de Steno bredanensis son as seguintes:[8][9]

  • Corpo fusiforme, característico dos golfiños, pero coa cabeza cónica, sen prega entre a pouco prominente fronte (a diferenza doutros golfiños), e o bico, que é longo e estreito, rematado en punta, e continuación da fronte.
  • Pode chegar a medir 2,80 m de lonxitude, e o seu peso pode alcanzar os 155 kg. Existe un lixeiro dimorfismo sexual, ademais de que os machos adoitan seren un pouco máis grandes que as femias.
  • A coloración é gris escura ou gris azulada no dorso, e branca ou abrancazada no ventre. Presenta manchas de cor branca rosada ou amarelada sobre todo na metade inferior do corpo. Os labios son de cor branca ou branca rosada.
  • A aleta dorsal está situada no centro do lombo, e é de forma triangular, co extremo apuntado e o bordo posterior sempre cóncavo, ás veces profundamente falciforme. As aletas pectorais teñen forma algo falciforme, aínda que coa punta arredondada; son longas, medianamente anchas, e de cor gris. A aleta caudal ten dos dous lóbulos separados por unha fendedura central ben marcada; estes teñen os extremos lixeiramente apuntados, e os bordos posteriores cóncavos.

Distribución e poboación editar

Pouco se sabe da súa área de distribución, e o mapa baséase nas escasas e dispersas observacións por unha zona moi ampla. Parece vivir en augas cálidas e temperadas, tropicais e subtropicais, de todo o planeta, con temperaturas superficiais que poden chegar aos 25 °C, aínda que parece evitar as augas superficiais e as correntes frías. Adoita nadar en augas profundas afastadas da costa, polo xeral máis alá da plataforma continental, salvo se estas se encontran próximas ás augus profundas, como sucede coas das illas oceánicas sen plataforma continental. Non parece ser abundante en ningún dos lugares onde se avistou. Nos últimos anos aumentaron as observacións sobre todo en torno as illas Hawai; os recentes avistamentos fronte as costas do Brasil suxiren unha distribución máis meridional no Atlántico. Parece que hai unha poboación permanente no Mediterráneo. En España é unha especie común pero relativamente pouco abundante, producíndose avistamentos nas augas das illas Canarias durante todo o ano.[8][9]

En Galicia editar

Aínda que nas escasas obras de referencia galegas sobre cetáceos non se menciona a presenza desta especie en augas próximas a Galicia é moi probábel que así sexa, como o confirma o mapa da súa área de distribución, o feito de que a UICN informe de que é nativa de España,[1] ou de que na Guía on line de los mamíferos de España, na web "Quedada natural", se afirma que «en España é unha especie común e relativamente abundante nas augas das illas Canarias».[9]

Comportamento editar

É difícil de observar, xa que pode estar mergullado até 15 min, e os seus saltos non adoitan seren chamativos. Nada con rapidez, ás veces xusto debaixo da superficie, coa aleta dorsal e unha pequena parte do lombo claramente visíbeis. Ás veces acompaña aos barcos, sobre todo á popa da embarcación, aínda que non con tanta frecuencia como outros golfiños tropicais. Aliméntase fundamentalmente de peixes e cefalópodos. No hai datos sobre a época en que se reproducen, e aínda que é un dato que no se coñece cpn exactitude, crese que a xestación dura aproximadamente 12 meses. En cada parto as femias adoitan teren soamente unha cría.[8][9]

Estado de conservación editar

En canto ao seu estado de conservación a UICN cualificouno en 1996 como sen datos suficientes, pero en 2008 como de risco baixo, LC (pouco preocupante), situación confirmada en 2012 e que se mantén na actualidade (2016), debido a que a especie está moi estendida e é moi abundante (con estimacións da poboación actual de ao redor de 150 000 individuos), e a que non se informou de que a súa poboación estea descendendo nin que se identificaran importantes ameazas sobre ela.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Hammond, P. S.; Bearzi, G.; Bjørge, A.; Forney, K. A.; Karkzmarski, L.; Kasuya, T.; Perrin, W. F.; Scott, M. D.; Wang, J. Y.; Wells, R. S. & Wilson, B. (2012): Steno bredanensis na Lista vermella da UICN.] Versión 2016.1. Consultada o 02-08-2016.
  2. 2,0 2,1 Steno Gray, 1846 no SIIT.
  3. 3,0 3,1 Steno bredanensis (G. Cuvier in Lesson, 1828) no SIIT.
  4. 4,0 4,1 Steno bredanensis (G. Cuvier in Lesson, 1828) no WoRMS.
  5. 5,0 5,1 5,2 Steno bredanensis en MSW.
  6. Steno Gray, 1846 no WoRMS.
  7. Steno en MSW.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Carwardine, M. (1995), pp. 190-191.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Delfín de dientes rugosos Steno bredanensis Arquivado 20 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Quedada natural (en castelán).
  10. Alemán, Rauzahndelfin; catalán, dofí rostrat; castelán, delfín de hocico estrecho ou delfín de dientes rugosos; francés, dauphin à bec étroit; inglés, rough-toothed dolphin; portugués, golfinho-de-dentes-rugosos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar