Sociedade Numismática de Israel

sociedade numismática

A Sociedade Numismática de Israel (en hebreo: החברה הנומיסמטית בישראל) é unha entidade numismática de carácter científico e cultural, sen ánimo de lucro, fundada en Tel Aviv en 1945, que reúne as persoas afeccionadas ao estudo e ao coleccionismo de moedas, medallas e outros obxectos afíns de Israel.

Sociedade Numismática de Israel
Logotipo da Sociedade Numismática de Israel no cuño postal da Convención Numismática Internacional (1962) Editar o valor en Wikidata
Tiposociedade científica
Campo de traballonumismática
Área de operaciónIsrael
Data de fundación1945
EnXerusalén
PaísIsrael
editar datos en Wikidata ]

A SNI ten dúas ramas, unha en Tel Aviv e outra en Haifa, nas que se desenvolven simposios anuais e conferencias e seminarios mensuais, así como encontros periódicos de carácter informal.[1]

O seu presidente é Haim Gitler.[2]

Historia

editar

As orixes da Sociedade Numismática de Israel remóntanse á creación, en 1945, da Sección Numismática do Círculo de Afeccionados ás Antigüidades de Tel Aviv, baixo a presidencia dun dos seus impulsores, o arquitecto David Nudelman, de orixe checoslovaca. En 1947, os membros desa sección numismática decidiron escindirse da súa matriz e constituíron a Sociedade Numismática de Israel.[3]

Os primeiros anos de existencia da Sociedade correron en paralelo cos do propio Estado de Israel, fundado en 1948, que declarou a SNI como órgano asesor en materia numismática. De feito, dous dos seus membros, Leo Kadman e Hanan Pavel, foron os autores dos deseños das primeiras moedas cuñadas polo novo Estado.[4]

 
Cuño postal especial da 1ª Convención Numismática de Israel, organizada en 1951 pola Sociedade Numismática de Israel.

Logo deses primeiros anos de funcionamento, os días 30 e 31 de marzo de 1951 a Sociedade Numismática de Israel organizou en Haifa o primeiro encontro numismático de carácter nacional. E no ámbito internacional, unha representación da Sociedade interveu no Congreso Internacional de Numismática celebrado en París en 1953.[5]

En 1954 comezou a primeira serie de publicacións da Sociedade, baixo o título de Numismatic Studies and Researches, composta por traballos dos seus asociados, e deu comezo o ambicioso proxecto Corpus Nummorum Palestinensium, do que se chegaron a publicar 18 volumes. Entre 1963 e 1966 editouse tamén a publicación periódica Israel Numismatic Journal.[6] Entre 1967 e 1973 saíu á luz unha nova publicación periódica, en lingua hebrea, titulada Alon.[7]

En 1963, a SNI organizou en Xerusalén a primeira edición da Convención Numismática Internacional, baixo os auspicios da Comisión Internacional de Numismática.[8][9] En 1983 e en 1988, a Sociedade Numismática de Israel foi a organizadora de dúas novas edicións da Convención Numismática Internacional.[10]

A mediados da década de 1970, a oposición da Sociedade Numismática de Israel, liderada polo seu presidente, Dan Barag, conseguiu a retirada dunha lei inicialmente aprobada polo Goberno que prohibía o comercio de antigüidades no país.[7]

O 7 de decembro de 2006 aprobáronse uns novos estatutos da entidade.[11] A partir dese momento apareceu unha nova publicación periódica de carácter científico, titulada Israel Numismatic Research,[12] e reactivouse tamén a publicación de monografías de carácter numismático.[13]

Obxectivos

editar

Consonte os estatutos da Sociedade Numismática de Israel, os seus obxectivos son os seguintes:[11]

  • Fomento da investigación numismática entre as institucións israelís e entre os particulares.
  • Realización de congresos e simposios científicos sobre temas numismáticos.
  • Coordinación con institucións similares doutros países e co Consello Internacional de Numismática.
  • Colaboración con outras entidades académicas israelís en campos tanxenciais.
  • Publicación periódica dun xornal científico e de estudos relativos á numismática.

Premios

editar

A Sociedade Numismática de Israel concede dous premios:

  • Premio Leo Kadman: outorgado desde 1967 con carácter bianual para recoñecer a numismáticos polas súas publicacións sobre a moeda de Israel. Entre os seus receptores están Kanael, Kindler, Meyshan, Klimowsky, Avi-Yonah, Meshorer e Mildenberg.[10][14]
  • Premio Arie Kindler: establecido en 2003 pola rama da SNI en Tel Aviv. Entre os galardoados están Barag, Barkay, Rafi Dvir, Haim Gitler, Spaer, Oren Tal e David Schaps.[10]
  1. "Home". The Israel Numismatic Society.
  2. "Officers of the INS". The Israel Numismatic Society.
  3. Kindler, A. (2007). Páxinas 5-6.
  4. Kindler, A. (2007). Páxina 6.
  5. Kindler, A. (2007). Páxina 8.
  6. Kindler, A. (2007). Páxina 9.
  7. 7,0 7,1 Kindler, A. (2007). Páxina 12.
  8. Kindler, A. (ed.) (1967). International Numismatic Convention, Jerusalem, 27-31 December 1963: The Patterns of Monetary Development in Phoenicia and Palestine in Antiq-uity. Stocken Pub., Tel Aviv.
  9. Kindler, A. (2007). Páxina 10.
  10. 10,0 10,1 10,2 Kindler, A. (2007). Páxina 14.
  11. 11,0 11,1 "Rules and Regulations (Charter)". The Israel Numismatic Society.
  12. "Israel Numismatic Research". The Israel Numismatic Society.
  13. "Other Publications". The Israel Numismatic Society.
  14. "The Leo Kadman Prize". En The Numismatic Chronicle. 7ª serie. Vol. 8. 1968. Royal Numismatic Society.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar