Silmaril

(Redirección desde «Silmarils»)

Os Silmarils (Quenya pl. Silmarilli, resplandor de pura luz[1]), no legendarium de J. R. R. Tolkien, son tres obxectos sagrados ficticios con forma de xoias semellantes a estrelas que contiñan a luz pura das Dúas Árbores de Valinor. Os Silmarils estaban feitos dunha substancia cristalina chamada silima e foron obra de Fëanor, un Elfo Noldorin, en Valinor durante os Anos das Árbores.

Aparicións editar

Os Silmarils non eran só xoias que brillaban cunha intensa luz, senón que en certo sentido estaban vivos e eran sagrados. Non se sabe como Fëanor, certamente o máis grande dos Eldar, foi quen de crear estes obxectos. Nin sequera os Valar, incluído Aulë, o mestre das destrezas manuais, podían recrealos. De feito, o mesmo Fëanor era incapaz de repetir a súa propia obra, xa que insuflara neles parte da súa esencia ao crealos. No universo de Tolkien, a súa valía era case que infinita, mesmo para os Valar, pois eran únicos e insubstituíbeis.

Cando Fëanor marchou ao exilio en Formenos, os Silmarils foron gardados nunha cámara de ferro.

Cando o rebelde Vala Melkor destruíu xunto con Ungoliant as Dúas Árbores, a única luz pura que quedou delas foi a contida nos Silmarils. Xa que logo, os Valar suplicaron a Fëanor que llelos cedese para restaurar as Árbores, mais el negouse. Daquela chegaron noticias de que Melkor matara o pai de Fëanor, Finwë, o Alto Rei dos Noldor, e roubara os Silmarils. Logo de facelo, Melkor fuxiu de Valinor á súa fortaleza Angband, no norte da Terra Media, e de alí en diante levou os Silmarils incrustados na súa coroa.

Fëanor estaba furioso con Melkor, ao que nomeou Morgoth, "Inimigo Escuro do Mundo", e cos Valar, porque percibía neles o desexo de facerse coas xemas para os seus propios propósitos. Xunto cos seus fillos, pronunciou o Xuramento de Fëanor, que os obrigaba a loitar contra calquera que lles negase os Silmarils. Este nefasto xuramento traería como resultado grandes desgrazas no futuro, incluídos asasinatos masivos e a guerra de Elfos contra Elfos.

Fëanor conduciu a moitos dos Noldor de volta á Terra Media. A súa fuga, que comezou na Primeira Idade, foi fonte de incesante dor para os Elfos, e ao cabo tamén para os Homes da Terra Media. Libráronse cinco grandes batallas en Beleriand, mais en última instancia os Noldor e todos aqueles que prestaron o xuramento fracasaron na súa tentativa de arrebatar os Silmarils a Morgoth.

Un dos Silmarils foi recuperado por Beren e Lúthien despois de pasar grandes perigos e sacrificios. Máis adiante Eärendil levóullelo aos Valar no Oeste como símbolo de arrepentimento, e estes colocárono no ceo a xeito de estrela. As outras dúas xoias permaneceron en mans de Morgoth, e fóronlle arrebatadas ao concluír a Guerra da Cólera. Porén, pouco despois, os dous fillos de Fëanor, Maedhros e Maglor, roubáronas e tentaron cumprir o xuramento que prestaran tantos anos atrás. Mais os Silmarils queimáronlles as mans, denegándolles o seu dereito a posuílos, ao igual que qeimaran as mans de Morgoth antes. Na súa agonía, Maedhros guindouse co seu Silmaril nun foxo ardente, e Maglor arrebolou o seu ao mar. Así, desde aquela os Silmarils permaneceron nos tres elementos: no ceo, na terra e na auga.

Segundo unha profecía de Mandos, após o regreso e derrota definitiva de Melkor na Dagor Dagorath (a Batalla de Batallas), o mundo mudará e os Silmarils serán recuperados polos Valar. Entón Fëanor será liberado das Estancias de Mandos e concederá a Yavanna os Silmarils, e ela crebaraos e revivirá as Dúas Árbores coa súa luz. Daquela as Montañas Pelóri serán achaiadas e a luz das Dúas Árbores encherá o mundo dunha eterna dita.

Notas editar

  1. Carpenter, Humphrey, ed. (1981), The Letters of J. R. R. Tolkien, Boston: Houghton Mifflin, ISBN 0-395-31555-7

Véxase tamén editar

Outros artigos editar