Semíramis
Semíramis[1] (en grego antigo Σεμίραμις} / Semíramis) foi unha raíña lendaria de Asiria, cunha historia da que a fonte principal foran Diodoro de Sicilia e Ctesias. É probabelmente identificábel coa raíña babilonia Shammurámat ou Sammu-ramat, esposa do rei Shamshiadad V e rexente do seu fillo Adadnirari III (século IX a.C.)
Cóntase dela que era luxuriosa, mesmo incestuosa co propio fillo.
Traxectoria
editarFilla de Derceto, unha deusa medio muller, medio peixe, que vivía nun lago próximo a Ascalon, e máis de Caystros, suposto fillo de Aquiles e Pentesilea. Logo de nacer Semíramis, Derceto asasinou a Caystros, e despois escondeuse no lago e abandonou a filla. Foi entón criada por pombas, que, para alimental, roubaban leite e queixo a campesiños e pastores da zona. Descuberta por pastores, que andaban intrigados por aquel manexo das aves, foi entregada ao seu xefe, que lle impuxo o nome de Semíramis ("que vén das pombas" en siríaco).
Feita xa moza, foi desposada por Onnés, un conselleiro do rei Ninos de Nínive, do cal tivo dous fillos, Hyapaté e Hydaspé. Semíramis aconsella ao marido tan habilmente que este ten éxito na totalidade das empresas que realiza. Con ocasión dunha expedición a Bactriana, acompaña ao seu home, e póndose á cabeza dun grupo de soldados, toma a cidadela de Bactres. O rei, Ninos, namórase de Semíramis e Onnés suicídase. O rei casa con ela e teñen un fillo, Ninyas. Pouco tempo despois, Ninos morre e Semíramis sucédelle nun longo reinado de 42 anos.
Segundo a lenda, Semíramis fundou Babilonia, rechamante polo seu tamaño, onde crea, no seu pazo occidental, os famosos xardíns colgantes. Raíña guerreira, apoderouse de Armenia, Media, toda Asia ata o Indo, onde foi derrotada, e aínda dominou Exipto e Etiopía. Cando consulta o oráculo de Amón, este indícalle que será apartada do número dos vivos cando o seu fillo Ninyas conspirase contra ela. De volta da súa expedición á India, sabe que o seu fillo conspira cos eunucos do pazo. Daquela abandona o poder e desaparece. A lenda conta que foi transfigurada en pomba e elevada ao ceo para converterse nunha divindade.
Referencias culturais
editarCóntase a súa vida na Xeral Estoria de Afonso X. Seguindo a historia de Paulo Orosio, é presentada como unha conquistadora intrépida, sabia, fundadora dunha Babilonia esplendorosa e con costumes luxuriosos.
Notas
editar- ↑ "Semíramis". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1911.