Seitán

glute de trigo, usado coma sucedáneo da carne

O seitán[1] é un produto alimenticio orixinario de Asia oriental, elaborado a partir do glute de trigo, que presenta un alto contido proteico. O xeito tradicional de elaboralo[2] consiste en lavar unha masa de fariña triga con auga, para separar o glute do amidón, aínda que actualmente se separa industrialmente e se pode mercar o glute en po, que despois se ferve nun caldo con salsa de soia, alga kombu e xenxibre. Segundo o Oxford Dictionary, a orixe da verba seitán estaría na expresión xaponesa shokubutsusei tanpaku, proteína vexetal.[3]

Un anaco de seitán.

É unha receita moderna, propia da cociña macrobiótica, baseada en elaboracións de glute tradicionais da China e o Xapón. Adóitaselle chamar de "carne vexetal", xa que o seu aspecto é semellante unha vez cociñado. Pódese arranxar de moitos xeitos: fritido, rebozado, en estofado, empanado, coma base de albóndegas etc. Pode ser un substituto parcial da carne animal polo seu bo contido de proteínas. No Xapón existe un produto semellante chamado fu.

Propiedades do seitán

editar

Lista de propiedades máis coñecidas:[4]

  • Bo contido de proteínas (aproximadamente un 24% do seu peso total).
  • É un alimento lene e dixestivo.
  • É baixo en calorías.
  • Non ten colesterol.
  • É baixo en graxas (arredor do 1%).
  • Non é apto para celíacos.

Características culinarias

editar

Contendo unha elevado porcentaxe de proteínas, pode axudar a reducir o colesterol, e diminúe o risco da inxesta de antibióticos e hormonas que se poden atopar en vestixios nalgunhas producións de carne animal. Polo seu menor custo, é de uso frecuente no canto da carne na cociña asiática, gastronomía vexetariana, gastronomía budista, macrobiótica e dietética. O glute de trigo é moi popular na China.

  1. Nome en galego do produto e definición en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Como preparar o seitán". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2013. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  3. "Seitan". Oxford Dictionaries (en (en inglés)). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2015. Consultado o 20 de setembro de 2012. 
  4. Propiedades do seitán

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar