Segrel

nobre de máis baixa escala que o trobador

O segrel[1] (se.grel sm / do provenzal segrer) era un nobre de máis baixa escala que o trobador e que aceptaba unha retribución pola interpretación das súas composicións. É unha figura exclusiva da escola galego-portuguesa, xa que non existe nas demais literaturas europeas da época. A diferenciación entre segrel e xograr non está clara, é por isto que aparentemente o termo segrel facía referencia a músicos máis exitosos que os xograres, xa que eran fidalgos que andaban de cidade en cidade presentando as súas composicións.

Historia editar

Non sabemos moito sobre esta figura da literatura galego-portuguesa. Os estudos afirman que eran persoas de orixe nobre, e polo tanto con acceso a educación. A súa posición permitíalles posuír cabalos e facer máis viaxes ás principais cidades da época para a presentación dos seus traballos. Mesmo existía unha especie de tarifa nas cidades de destino que, no caso dun xograr ou dun segrel o bastante adiñeirado como para dispor de montura, podía ascender ata os cen marabedís. O segrel, aínda que de orixe nobre, carecía de recursos suficientes para ascender a cabaleiro e, polo tanto, procuraba a súa subsistencia de castelo en castelo, entretendo á alta nobreza. Co auxe das cidades chegou tamén un incremento no número de poetas de orixe nobiliario fronte aos xograres. Esta situación provocou na lírica galego-portuguesa a aparición de dous puntos de vista enfrontados. Por unha banda estaban os trobadores e os segreles, que posuían unha maior conciencia clasista e, por outra, os xograres, os cales defendían unha reivindicación do seu oficio.

Existía unha forte competencia entre trobadores, xograres e segreles, especialmente no referente á calidade das composicións e ás retribucións económicas a percibir. Cando os primeiros vían perigar a súa arte podían negarlles os pagos aos segundos se estes ousaban compoñer.

Críticas editar

A miúdo o termo segrel era empregado como un insulto ou menosprezo para referirse a outro trobador ou personalidade pública, especialmente nas cantigas de escarnio. Pero da Ponte compuxo unha cantiga deste tipo na que trata a Bernal de Bonaval de “segrel”:

“mais vós, que tod´entendedes quant´entendede bon segrel [...] pera que demo queredes puta que nonha mester?”

Bonaval a miúdo ía acompañado de malas mulleres, o cal non lle concedeu boa fama nas cortes reais. Nunha tenzón entre Joán Soárez e Picandón menciónase:

“Joán Soárez, por me deostarden non perç’eu por eso mia jograria; e a vós, senhor, mehor estaría d’a tod’home de segrel ben buscardes”

Segreis coñecidos editar

  • Bernal de Bonaval:

Segrel galego do s.XIII. O seu nome aparece por veces como Bernaldo ou Bernardo.

Mantiña vínculos co Convento de San Domingos de Bonaval e a súa actividade poética desenvolveuse nas cortes de Fernando III de Castela e de Afonso X o Sabio.

No referente ao seu estilo, mantense fiel ás tradicións líricas pretobadorescas, en detrimento dos modelos provenzais.

Da súa obra consérvanse 19 cantigas; 10 cantigas de amor, 8 cantigas de amigo e a última é unha tenzón escrita xunto con Abril Pérez.

  • Pero da Ponte:

Poeta medieval activo entre 1230-1260 aproximadamente.

Posiblemente galego e escudeiro, Alfonso Eanes de Coton denomínao segrel:

"En nossa terra, se Deus me perdon a todo escudeiro que pede don a mais das gentes lhe chama segrel".

Ao igual que Bernal de Bonaval, Pero da Ponte estivo activo nas cortes de Fernando III e Afonso X.

Con respecto a súa obra, cabe dicir que é autor de 53 textos: sete cantigas de amor, sete cantigas de amigo, vinte e tres cantigas de escarnio e maldicir, tres sátiras literarias contra Sueiro Eanes, un pranto burlesco, catro sirvientes morais, dous eloxios, catro prantos, unha tenzón e un partimén.

Cabe destacar que Pero da Ponte compuxo unha cantiga dirixida a María Balteira, unha das máis famosas entre as xa pouco coñecidas soldadeiras. O autor utiliza esta peza como unha escusa para criticar a Balteira pola súa coñecida vida libertina.

Exemplos de cantigas compostas por segreles editar

  • Bernal de Bonaval:

     Ai Deus! e quem mi tolherá
     gram coita do meu coraçom
     no mundo, pois mia senhor nom
     quer que eu perça coita já?
     E direi-vos como nom quer:
     leixa-me, sem seu bem, viver
     coitad'; e se mi nom valer
     ela, que mi pode valer,
  
     no mund'outra cousa nom há
     que me coita nulha sazom
     tolha, se Deus ou morte nom,
     ou mia senhor, que nom querrá
     tolher-ma. E pois eu hoer
     por mia senhor mort'a prender,
     Deus, meu Senhor, se lhi prouguer,
     mi a leix'ant'ũa vez veer.
  
     E se mi Deus quiser fazer
     este bem, que m'é mui mester,
     de a veer, pois eu poder
     veer o seu bom parecer,
     por en gram bem mi per fará
     – se m'El mostrar ũa razom,
     de quantas end'eu cuid'acá
     a dizer, que lhi diga entom.

  • Pero da Ponte:

     María Pérez, a nossa cruzada,
     quando veo da terra d’Ultramar,
     assí veo de pardón carregada
     que se non podía con el emerger;
     mais furtan-lho, cada u vai maer,
     e do perdón ja non lhi ficou nada.

     E o perdón é cousa mui preçada
     e que se devía muit’a guardar;
     mais ela non ha maeta ferrada
     en que o guarde, nen a pod’haver,
     ca, pois o cadead’én foi perder,
     sempr’a maeta andou descadeada.

     Tal maeta como será guardada,
     pois rapazes albergan no logar,
     que non haja seer mui trastornada?
     Ca, o logar u eles han poder,
     non ha pardón que s’i possa asconder,
     assí saben trastornar a pousada!

     E outra cousa vos quero dizer:
     atal pardón ben se dev’a perder,
     ca muito foi cousa mal ganhada.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para segrel.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar