A salsa Tabasco é unha famosa salsa picante de orixe estadounidense, creada en 1868 por Edmund McIlhenny.

Botella de salsa Tabasco.

De sabor picante, prepárase con pementos maduros (vermellos) de chile Tabasco, vinagre, auga e sal, macerados en barrís de carballo.[1]

Aínda que o seu nome procede do estado de Tabasco, trátase dun produto estadounidense elaborado pola McIlhenny Company, que produce toda a salsa vendida no mundo,[2] na súa sede situada na illa Avery, na zona meridional do estado de Luisiana, no sur dos Estados Unidos.

Historia editar

 
Pementos de tabasco (maduros e verdes).
 
Mariscos ao chiltepín, Tabasco.
 
Variedades de salsa Tabasco.

A historia tradicional di que a salsa Tabasco foi creada por Edmund McIlhenny. McIlhenny era orixinario de Maryland, pero en 1841 trasladouse a Nova Orleáns, Luisiana, para buscar fortuna. Atopou a súa fortuna entrando no negocio bancario. Na época da Guerra civil estadounidense era un banqueiro exitoso. Porén, a guerra e as súas consecuencias destruíron o seu negocio. Foi a Texas por un tempo, e despois mudouse coa familia da súa muller á illa Avery, en Luisiana. Coñeceu en Nova Orleáns a un viaxeiro chamado Gleason, que lle vendeu algunhas sementes de pemento tabasco traídos desde Tabasco, México Estes pementos gustáronlle tanto que comezou a sementalos na plantación de seu sogro, dono duna mina de sal na illa Avery, situada a 140 millas ap oeste de Nova Orleáns. En 1867, McIlhenny comezou a experimentar cunha salsa feita co estes pementos. Esmagou os pementos vermellos das súas plantas, mesturounos co sal que se atopa naturalmente na illa Avery e envelleceu a mestura durante un mes en vasos, botes e barrís. Finalmente, mesturou isto con vinagre de viño branco e envelleceu o resultado un mes máis. Así naceu a salsa Tabasco.[1]

Os primeiros comensais que a probaron, seus familiares e amigos, quedaron encantados coa súa salsa e pronto empezouse a falar da deliciosa "salsa de Mr McIlhenny". Creada en principio sen ningún propósito comercial, as persoas próximas a Edmund animárono a que a vendera fóra do seu círculo. Edmund comezou a vender a súa salsa de maneira independente, até que conseguiu que axentes comerciais a distribuíran. A demanda foi crecendo rapidamente e converteuse nun éxito comercial.

En 1870 McIlhenny conseguiu unha patente para a súa invención. Comezou a comercializalo ao longo da costa do golfo de México e, en poucos anos, fíxose popular en todo o país, e en todo o mundo.[1]

A finais da década de 1870, Edmund comezou a exportar a salsa Tabasco a Europa. Actualmente a famosa salsa pódese encontrar en máis de 160 países dos cinco continentes e está etiquetada en máis de 22 idiomas, conservando a súa receita orixinal de máis dun século.

A empresa fundada por McIlhenny mantívose na propiedade dos seus descendentes desde a súa morte en 1890 até o presente, sendo Paul McIlhenny o seu actual director executivo, o cuarto da compañía.[2]

Variedades editar

Durante o século XX comezaron a comercializarse novos sabores da salsa Tabasco, tales como "Tabasco Garlic", é dicir, con allo, "Tabasco Chipotle", "Tabasco Green Pepper" e "Tabasco habaneiro" (estes sabores non están dispoñíbeis en todos os países onde se comercializa a variante orixinal). O produto véndese en 165 países.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Tabasco Sauce History and Lore (en inglés).
  2. 2,0 2,1 2,2 The Economist "Some like it Avery hot" 24 de marzo de 2011. Consultado o 22 de febreiro de 2022.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bernard, Shane K. (2007): Tabasco, an illustrated history: the story of the McIlhenny family of Avery Island, 1868-2007 (1st ed.). Avery Island, LA: McIlhenny Co. ISBN 978-0-9797-8080-6.
  • Kurlansky, Mark (2002): Salt: A World History. Walker & Company. ISBN 0-8027-1373-4.
  • Rothfeder, Jeffrey (2009): McIlhenny's Gold: How a Louisiana Family Built the Tabasco Empire. New York. ISBN 978-0-0618-4424-9.
  • Shevory, Kristina (31 de marzo de 2007). "The Fiery Family". The New York Times.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar