Rudistas
Rango fósil: Xurásico Superior - Cretáceo Superior

Rudistas do Cretáceo das montañas Omani, Emiratos Árabes. Escala: 10 mm.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Heterodonta
Orde: Hippuritoida†
Newell, 1965
Familias

Os rudistas (Hipuritoida) son unha orde extinta de moluscos bivalvos heterodontes. Tiñan dúas válvulas asimétricas e normalmente unha delas estaba unida ao substrato (organismos sésiles ). Aparecen no rexistro fósil do Xurásico Tardío, a súa maior diversificación prodúcese durante o Cretáceo e extínguense no evento de extinción masiva do límite Cretáceo-Paleóxeno (límite K-Pg). Durante o Cretáceo foron os principais responsables da formación de arrecifes no mar Tetis. Os arrecifes de rudistas teñen un importante interese económico como posibles trampas de petróleo, debido á alta porosidade das súas facies.

Descrición editar

 
Hippurites.

Presentaban cunchas grosas con dúas capas: unha externa calcítica e outra aragonítica interna. As formas xurásicas eran alongadas, con dúas válvulas semellantes, a miúdo de forma tubular. As dicerátidas tiñan dúas válvulas grosas enroladas en espiral (di-ceras, dous cornos), mentres que nos requiénidos só se enrola a válvula fixa, coa outra, libre, de morfoloxía opercular. Algunhas especies non coloniais, como Requienia ou Toucasia, tiñan cunchas grandes e macizas, con estruturas de pregamentos e cristas na válvula inferior, que lles proporcionaban unha forte fixación ao substrato.

Os rudistas, hipúrítidos e radiolítidos, que construían arrecifes do Cretáceo, eran moi robustos, con cunchas moi grosas e as dúas válvulas moi diferentes. Tiñan unha válvula cónica ou cilindrocónica que estaba ancorada verticalmente no substrato, coa outra moi diferente e reducida que actuaba como opérculo (como tapa libre). O tamaño destas formas cónicas é moi variable, desde uns poucos centímetros ata case dous metros de altura.

Suponse que os rudistas eran filtradores, como a maioría dos bivalvos actuais, e que tamén eran capaces de manter algún tipo de relación simbionte coas zooxantelas (algas dinoflaxeladas), como algúns bivalvos e corais.

Biocronoloxía e evolución editar

Os fósiles máis antigos atribuídos a Hippuritoida corresponden ao Oxfordiano (Xurásico Tardío) e a desaparición do grupo coincide coa extinción masiva a finais do Maastrichtiano (Cretáceo Tardío) (Steuber et al., 2002).

A orixe do grupo atópase nos dicerátidos, a finais do Xurásico Tardío.

Os Requiénidas tiveron o seu apoxeo no medio do Cretáceo Inferior.

Os caprínidos e os ictiosarcolitidos extinguíronse no Cenomaniano, e foron substituídos polos hipúrítidos, dominantes durante o Cretáceo tardío.

Os radiolítidos desenvolvéronse a partir do Aptiano (Cretáceo Inferior), presentando a maior diversidade do grupo.

Paleoecoloxía editar

 
Arrecifes rudistas: afloramento con varios biostromas superpostos do Turoniano.

Os rudistas foron os principais construtores de arrecifes nos mares tropicais durante o Cretáceo. Asentáronse en ambientes pouco profundos, agrupando numerosos individuos, o que permitiu o atrapamento de sedimentos, que consolidaron e reforzaron as colonias. Algunhas especies aumentaron a cohesión entre os individuos producindo cementacións entre as cunchas. Consérvanse numerosos fósiles en posición de vida, polo que se puido observar como se apoiaban e suxeitaban entre si.

Suponse que habitaban en augas pouco profundas, xa que a súa asociación con algas dasicladaceas parece indicar que os rudistas necesitaban auga turbia e ben osixenada e que a profundidade non superaría os 5 m. Tamén estarían expostos a condicións subaéreas (estarían "no aire") durante as mareas de primavera.

Suponse que o éxito dos rudistas, desprazando os corais, debeuse, en parte, á maior temperatura e salinidade dos mares durante o Cretáceo.

Paleobioxeografía editar

Os rudistas habitaban todos os mares tropicais e subtropicais da súa época, principalmente o mar Tetis, na Europa actual, Asia, norte de África, América do Norte e as Antillas. Pola extensa distribución xeográfica deste grupo suponse que os estadios larvarios eran planctónicos.

Os antilocrapínidos estaban restrinxidos ao Caribe actual e os dictyoptychids só se coñecen do norte de África e da Península Arábiga.

Sistemática editar

 
Radiolites.

Os rudistas colócanse na orde Hippuritoida (ás veces Rudista, Rudistes ou Pachydontos, termos agora en desuso).

Historia editar

Os fósiles rudistas foron descritos por primeira vez por Philippe-Isidore Picot de Lapeyrouse en 1781[1] en Rennes-les-Bains (rexión de Corbières, Francia) nun lugar coñecido como "Montaña de Cornos".[2]

Notas editar

  1. Picot de Lapeyrouse, Ph. I. (1781). Déscription de plusieurs nouvelles espèces d'orthocératites et d'ostracites. Erlang: W. Walther. 
  2. Bilotte, Michel (2009). "La Montagne des Cornes" (PDF). Un passé historique, un présent alarmant, un futur hypothétique (en francés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de agosto de 2023. Consultado o 7 de enero de 2011. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar