Plataforma de abrasión

(Redirección desde «Rasa mareal»)

Unha plataforma de abrasión, rasa mareal ou rasa litoral é unha plataforma rochosa costeira, ao nivel da marea baixa, que aparece por diante dun cantil rochoso. Trátase dunha formación debida á erosión do mar sobre o cantil, que só se produce cando se dan unha serie de factores como son os tipos de rochas axeitados e a disposición en capas das rochas e unha diferenza intermareal significativa (altura entre a marea alta e a baixa).

Plataforma de abrasión mariña entre Deba e Zumaia en Guipúscoa (Euskadi).

A rasa está, por tanto, lixeiramente por debaixo do nivel mariño e é visible na marea baixa e ante a retirada da ondada.[1] Por veces, o lado de terra da plataforma está cuberto de area, formando unha praia e a plataforma só pode ser identificada nas mareas baixas ou cando as tormentas desprazan a area.

Debido aos cambios relativos do nivel do mar e da costa, poden aparecer rasas costeiras en posición elevada a onde xa non chegan as ondas, que foron antigas plataformas de abrasión xeradas cando o nivel do mar estaba máis alto e o mar batía a esa altura.

É salientable a plataforma de abrasión do mar Cantábrico (rasa cantábrica), que en Galicia se observa claramente nas costas da Mariña de Lugo, con cantís en retroceso, grandes plataformas de abrasión e rasas costeiras elevadas.

Formación

editar
 
Proceso de formación dunha plataforma de abrasión.

A ondada vai socavando a base do cantil, o que provoca posteriormente o derrubamento da parte superior, nun proceso continuo que fai recuar a parede rochosa, mais sen afectar a zona por debaixo do nivel da marea baixa. Normalmente a rocha submerxida reduce a forza das ondas, polo que a súa erosión sobre o acantilado diminúe e o proceso de retroceso detense aos poucos metros. Porén, en zonas onde a diferenza intermareal é grande, a ondada é moi intensa e o tipo e disposición das rochas é o axeitado, o proceso de retroceso continúa ata decenas ou centenares de metros, dando lugar a unha plataforma de rocha no nivel da marea baixa que é a rasa mareal ou plataforma de abrasión mariña.

Fórmase despois de que as vagas mariñas destrutivas impactan contra a parede dun cantil, causando un corte entre as marcas das mareas alta e baixa, principalmente como resultado de corrasión e a enerxía hidráulica, creando unha amosega na parede do cantil cortada polas ondas. Esta amosega ou socavamento espándese paulatinamente para crear unha cova ou un beiril. As ondas socavan esta parte ata que o teito da cova ou do beiril xa non se pode soster pola presión e erosión que están a actuar sobre el, e colapsa, o que ten como resultado a retirada do cantil cara a terra firme. A base forma a plataforma mentres que a erosión das ondas desfai o material derrubado formando cachos máis pequenos, á vez que pode ocorrer que partes do cantil sexan lavadas polo mar. Se isto acontece no extremo da plataforma, fórmase unha terraza.

O retroceso da parede do cantil fai que algunhas partes ou rochas resistentes queden illadas fronte á costa formando promontorios, arcos ou farallóns, como se observa en Galicia na praia das Catedrais.

Debido á continua acción das vagas, unha plataforma de abrasión é un ambiente extremadamente hostil e só os organismos máis resistentes e adaptados poden utilizala como nicho ecolóxico.

 
Plataforma de abrasión mariña en Southerndown, no sur de Gales, Reino Unido.
 
Rasa costeira elevada, antiga plataforma de abrasión, en Bleik, Andøya, Noruega.
 
Plataforma de abrasión formada polas ondas no Lago Bonneville (Plistoceno) na illa Antelope, Gran Lago Salgado, Utah.

O flysch

editar

Un factor habitual que cómpre para que se produza unha rasa mareal é que o cantil se compoña de rochas facilmente erosionables, como é o caso do flysch, formado por capas delgadas de rochas duras (calcaria, lousa, etc.) intercaladas con outras máis moles (arenito, arxila, etc.) e que estas capas estean en posición inclinada ou vertical (por pregamentos tectónicos). Esta disposición favorece o retroceso, xa que a erosión sobre as capas brandas deixa illadas e debilitadas as capas duras, que así son erosionadas máis doadamente, pero á vez a existencia das rochas duras protexe as brandas por debaixo do nivel da marea, xa que doutro xeito non se orixinaría a rasa. Esta protección no nivel de marea baixa non é total, producíndose un desgaste algo maior nas rochas brandas, o que produce os característicos sucos, como se a rocha fose "arada" polo mar. Esta rasa co tempo fai que a parte de abaixo da parede se vaia erosionando, o que ao final produce un derrubamento de pedras.

Debido a que a rasa mareal queda ao descuberto durante a marea baixa, xérase unha importante riqueza biolóxica onde abundan os crustáceos, algas, etc.

 
Rasa mareal en Mutriku, Guipúscoa, (Euskadi), zona chamada Siete playas

A rasa mareal da costa vasca, en especial o tramo guipuscoano entre as localidades de Zumaia e Deba, é un dos mellores flysch mundiais, onde se poden apreciar todas as seccións do Paleoceno do planeta, desde a primeira capa ata a última, cunha excelente conservación do rexistro fósil.[2]

Antigas plataformas

editar

As antigas plataformas de abrasión achegan probas de cales eran os niveis dos mares e dos lagos no pasado. As plataformas elevadas e abandonadas, ás veces atopadas detrás de praias modernas, son evidencia de que no pasado o mar estivo a niveis máis altos que o actual[3] e foron utilizadas para identificar áreas de axuste isostático. Usando métodos científicos de datación ou examinando fósiles mariños que se atopan nas plataformas, é posible determinar cando se formou a plataforma, o que dá a xeógrafos e xeólogos información sobre os niveis do mar en tempos pasados. Este método foi utilizado en Reino Unido, Escandinavia e outras áreas previamente cubertas por glaciares para calcular a velocidade á que se eleva o terreo agora que xa non está cuberto de xeo e hai un rebote isostático.

Plataforma conformada polas ondas

editar

As plataformas de abrasión tamén se chaman plataformas conformadas polas ondas ou cortadas polas ondas (en inglés wave-cut platforms). Pero o uso deste termo foi criticado. De acordo con Trenhaile[4] e Sunamura,[5] "o termo 'plataforma conformada polas ondas' debería deixar de utilizarse, porque supón que as plataformas da costa son necesariamente o resultado da acción das ondas, o cal non sempre é certo. As plataformas costeiras, igual que outras comparables en lagos e ríos, son estruturas erosivas que se desenvolven cando se retiran a saprolita e outros cascallos pola acción das ondas e correntes e deixan só a superficie de rocha que hai baixo o nivel da auga.[6]

  1. George, Pierre (2003). Diccionario Akal de Geografía (Google Books). Ediciones Akal. p. 489. ISBN 9788476006818. Consultado o 19 de agosto de 2012. 
  2. http://www.elcorreodigital.com/vizcaya/prensa/20070618/guipuzcoa/treintena-geologos-trataran-esta_20070618.html] "una de las mejores y más espectaculares secciones del Paleoceno del planeta, donde se puede contemplar desde la primera capa hasta la última" ("unha das mellores e máis espectaculares seccións do planeta, onde se pode comtemplar desde a primeira capa ata a última") El Correo 18/6/2007
  3. Wilson, M.A., Curran, H.A. and White, B. 1998: Paleontological evidence of a brief global sea-level event during the last interglacial. Lethaia 31: 241-250.[1]
  4. Trenhaile, A. S. 1987: The Geomorphology of Rock Coasts. (Oxford University Press, Oxford, U.K.) 393 pp.
  5. Sunamura, T., 1992. Geomorphology of rocky coasts. Nova York: John Wiley.
  6. Retallack, G.J. and Roering, J.J. 2012: Wave-cut or water-table platforms of rocky coasts and rivers? GSA Today 22(6), 4-9.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar