Ramón Berenguer II

Ramón Berenguer II, coñecido como o Cabeza de Estopa pola súa espesa cabeleira, nado en 1053 ou 1054 e finado o 5 de decembro de 1082, foi conde de Barcelona entre 1076 e 1082.

Ramón Berenguer II
Nacemento1053
Falecemento5 de decembro de 1082
Lugar de falecementoSant Feliu de Buixalleu
SoterradoSepulchre of Ramon Berenguer II of Barcelona
Ocupaciónpolítico
PaiRaimundo Berenguer I
NaiAlmodis de la Marche
CónxuxeMafalda da Apúlia-Calábria
FillosRamón Berenguer III
IrmánsRaimundo IV de Toulouse, Hugo VI de Lusignan, Guillerme IV de Tolosa, Berenguer Ramon II, Count of Barcelona, Peter Raymundi e Sança de Barcelona
Na rede
WikiTree: Barcelona-11
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria Editar

Era fillo de Ramón Berenguer I e de Almodis da Marca e irmán, probablemente xemelgo, de Berenguer Ramón II.

O testamento do seu pai establecía que Ramón Berenguer e o seu irmán debían gobernar en igualdade de condicións aínda que en realidade existían certos privilexios en favor do conde Cabeza de Estopa. Nun momento determinado, Ramón Berenguer viuse obrigado a repartir os seus territorios co seu irmán, repartición que prometeu ante os bispos de Barcelona e Xirona, os condes destes condados e o vizconde de Cardona.

No 1078, Ramón Berenguer entregou ao seu irmán como garantía do repartimento as parias de Lleida e ao rei musulmán desta cidade. Barcelona, Urgell e Lleida loitaban contra Zaragoza co que o perigo musulmán retrocedeu, tanto pola zona leridana como pola colonización cristiá que chegaba ata Torregrossa. No 1079, a Conca de Barberà estaba xa repoboada por cristiáns.

A finais do 1077, o Papa Gregorio VII enviou a Xirona o seu legado, Amat de Olorón, para dar impulso ás súas ideas de reforma da igrexa. É posible que Amat aproveitase a súa estancia na cidade para intentar que Ramón Berenguer e o seu irmán se reconciliaran, xa que o seu pai deixara baixo tutela papal ao seu fillos no seu testamento. No 1079, o Pontífice escribiu ao bispo de Xirona solicitando que mediase entre os dous irmáns para poñer fin ás disputas condais, conxuntamente cos abades de Ripoll, Sant Cugat del Vallès e Sant Ponç de Tomeres.

Ese mesmo ano, Ramón e Berenguer repártense a cidade de Barcelona, Castellvell e a súa marca, Olèrdola, Vilafranca del Penedès, Vallmoll, Benviure, Gavà, Pallejà e outros dominios. Ambos irmáns conviñeron residir de forma alternativa durante seis meses no palacio condal. As funcións soberanas quedaron indivisas, así como as rendas por xuízos, mercados, moeda e uns patios en Barcelona. Con todo, Berenguer seguiu reclamando e no 1080 obtivo do seu irmán a metade do castelo de Barbera, do da Bleda e dos condados de Carcasona e Rasés. Ramón comprometeuse a compartir todas as futuras adquisicións, incluíndo as naves que se construísen e as que se comprasen.

Acordaron tamén que a expedición prevista para o seguinte verán realizaríana conxuntamente. Finalmente esta expedición non se levou a cabo, seguramente polos cambios que sufriran os reinos de taifas. Con ocasión da preparación desta empresa, o Cid, incomodado co seu rei Afonso VI de Castela, trasladouse a Barcelona e ofreceu a súa colaboración, que non foi aceptada; acto seguido, quedou ao servizo dos reis sarracenos de Zaragoza mentres que o rei de Lleida apoiábase nos navarros primeiro e nos condes de Barcelona despois. Isto enfrontou a Berenguer Ramón co Cid preto de Almenar no verán de 1082. Berenguer foi derrotado e feito prisioneiro sendo liberado pouco tempo despois.

O 5 de decembro dese mesmo ano, Ramón Berenguer dirixíase a Barcelona atravesando o bosque de Perxa do Astor no Montnegre. Uns descoñecidos, talvez os seus propios acompañantes, asasinárono nese bosque. O seu cadáver foi trasladado a Xirona onde recibiu sepultura. O seu irmán foi acusado deste asasinato polo que recibiu o alcuño "do fratricida".