Rabela
A rabela[1], tamén chamada muiñeira das castañolas[2] e danza do galo[3], é un tipo de muiñeira vella.[4] Foi documentada en recollas etnográficas na comarca de Santiago e nas zonas costeiras limítrofes, desde Rianxo até Santa Comba.
Rabela | |
---|---|
A rabela recolleuse na Comarca de Santiago e as súas áreas limítrofes | |
Orixe cultural | Galicia |
Zona de conservación | Comarca de Santiago |
Instrumentos típicos | Rabel Gaita Tambor |
Derivado de | Muiñeira vella |
Outros nomes | Danza do galo Muiñeira das castañolas |
Características
editarBailábana un home e un número impar de mulleres (tres, cinco, sete, nove, etc.). O home, asistido de castañolas, movíase facendo puntos, con amplitude de movementos e total liberdade. Marcaba o inicio e as mudanzas do baile e guiaba os desprazamentos coreográficos do grupo de mulleres, seguíndoas e entrelazándose con elas, no que podería considerarse como un baile de cortexo.[4] As mulleres pola súa parte acompañaban os movementos do bailador con pasos miúdos semellantes aos da muiñeira vella. Adoitaban estar en posición de media lúa ou en fila, en ocasións collidas do brazo, e facer desprazamentos en roda ou taboa. Existía unha bailadora principal que se colocaba no medio das outras mulleres e que acostumaba ser a raíña das festas.[2]
Na actualidade acompáñase coa música da gaita e do tambor, se ben antigamente bailábase ao son da música dun rabel, motivo do que deriva o seu nome.[5] O baile garda similitude co corri-corri asturiano[6] e con outro, sempre acompañado dun rabel, existente na zona de Braga.[1]
Por ser un baile case extinto non está presente no repertorio da maioría dos grupos de baile tradicional galego, con algunha excepción, como a agrupación cultural Xacarandaina da Coruña.[7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Peón, Mercedes (2004). "Introdución conceptual ó noso folclore e baile tradicional" (PDF). Encontros O Son da Memoria (Consello da Cultura Galega): 153–154.
- ↑ 2,0 2,1 Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (2018). "Expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego" (PDF). Diario Oficial de Galicia (81): 22208.
- ↑ Camafeita, Olga (2001). "Danza do Galo". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo).
- ↑ 4,0 4,1 Martínez San Martín (1998) pp.121-122
- ↑ Camafeita, Olga (2001). "Rabel". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo).
- ↑ Corri Corri de Arenas de Cabrales. Youtube (Grupu Xeitu (Luar-TVG)). 2018. p. 3m 0s.
- ↑ Galizien American Linie (Fragmento). Youtube (Xacarandaina). 2013. p. 1m 5s.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Martínez San Martín, Anxo (1998). Historia e evolución da danza en Galicia (PDF). O feito diferencial galego: Galicia fai dous mil anos. Vol. 1: Música I (Museo do Pobo Galego). pp. 111–139. ISBN 84-88908-09-1.
- Camafeita Longa, Olga (2010). Dicionario Da Música Popular En Galicia (PDF). Rinoceronte Editora. ISBN 8493781657.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Danza da Moza no Adro de Rianxo - Retrouso de Cela (2009) - Youtube.