R-1 (mísil)

(Redirección desde «R-1D»)

R-1 foi a denominación do primeiro mísil de curto alcance soviético e que era unha copia do mísil alemán V-2. Desenvolvido a partir de 1948, sentou as bases da industria fogueteira e misilística soviética, sendo superado rapidamente por mísiles de deseño posterior.

Esquema do mísil R-1.

Historia editar

Despois do final da segunda guerra mundial, os enxeñeiros alemáns capturados pola Unión Soviética foron destinados a traballar na reprodución e probas de mísiles que nun primeiro momento eran copias dos V-2. A orde para a produción do R-1, copia do V-2, foi emitida o 14 de abril de 1948. Para poñer en marcha a fabricación do mísil foi necesaria a colaboración de 13 institutos de investigación e 35 fábricas. En 1948 leváronse a cabo dez probas de voo do mísil e en 1949, 20. A fabricación do motor do mísil, o RD-100, foi asignada ao enxeñeiro Valentin Glushko. O mísil foi aceptado para o servizo o 25 de novembro de 1950. A primeira unidade operativa foi concedida á brigada 92 da forza estratéxicas de mísiles soviética, situada en Kapustin Yar.

Inicialmente a fabricación dos mísiles R-1 foi asignada á fábrica 66, situada en Zlatoust, para logo pasar á fábrica 586, en Dnepropetrovsk, tras problemas na primeira fábrica. O primeiro mísil construído na fábrica 586 saíu da mesma o 28 de novembro de 1952.

O procedemento para a posta en marcha do mísil unha vez en servizo precisaba de ata vinte vehículos e catro tipos de propelente (osíxeno líquido, alcohol, peróxido de hidréxeno e un catalizador de permanganato) para o motor principal, as turbinas e o sistema de arranque, necesitándose seis horas para preparalo para o lanzamento.

A primeira brigada (a brigada 23 das forzas estratéxicas de mísiles) para o uso do R-1 formouse en decembro de 1950, dotada de seis lanzadores.

Variantes editar

  • R-1A: esta variante creouse como proba para o uso de oxivas separables para uso en futuros mísiles balísticos (R-2 e R-3). Os dous últimos lanzamentos desta variante destináronse ao estudo da atmosfera superior.
  • R-1B e R-1V: usáronse como foguetes sonda para o estudo dos raios cósmicos, a radiación solar e para lanzar cargas recuperables con contido biolóxico que volvían a terra en paracaídas.
  • R-1D: usouse para o estudo da atmosfera e a da aerodinámica de distintas formas a altas velocidades e alturas. Tamén para estudar os ventos a grande altitude, a ionosfera e para o lanzamento e recuperación de cargas biolóxicas.
  • R-1Ye: variante lanzada para estudos atmosféricos, do espectro solar, aerodinámica, os ventos da atmosfera superior, a ionosfera, a capa de ozono e o lanzamento de espécimes biolóxicos.

Características editar

  • Peso: 12.630 kg
  • Peso baleiro: 4066 kg
  • Pulo: 307,085 kN
  • ISP: 233 s (206 s a nivel do mar)
  • Tempo de combustión: 63 s
  • Diámetro: 1,65 m
  • Envergadura: 3,54 m
  • Lonxitude: 14,15 m
  • Carga útil: entre 483 e 815 kg
  • Alcance: 270 km
  • Altura: 77 km

Notas editar

  • Wade, Mark (2011). "R-1" (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2016. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar