Pristicámpsidos

(Redirección desde «Pristichampsidae»)
Pristicámpsidos
Rango fósil: Paleoceno-Eoceno
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: † Pristichampsidae
Kuhn, 1968
Xéneros

Pristichampsus

Os pristicámpsidos (Pristichampsidae) é unha familia extinta de crocodilianos que viviron en Europa durante o Paleoxeno. Actualmente só se recoñece un xénero de pristicámpsidos, que é Pristichampsus. Os pristicámpsidos eran crocodilianos moi especializados que estaban adaptados a vivir en terra. Teñen unha ampla coiraza corporal, longas patas e unhas garras romas que parecen pesuños, polas cales tamén se lles chama informalmente "crocodilos con pesuños".[1] A maioría das análises filoxenéticas das súas relacións evolutivas sitúanos nunha posición basal dentro de Crocodylia. Algunhas destas análises atoparon que os pristicámpsidos están fóra dos Brevirostres, o grupo de crocodilianos entre os que están os aligátores, caimáns e crocodilos pero non os gaviais. Os pristicámpsidos infírese que apareceron no Cretáceo tadío, varias decenas de millóns de aos antes dos restos seus que se encontran no rexistro fósil. Isto débese a que os membros iniciais de Brevirostres apareceron no piso Campaniano do Cretáceo tardío, e Pristichampsidae, ao ser un grupo externo (outgroup) a Brevirostres, tivo que terse ramificado antes dese momento.[2]

Descrición editar

Os pristicámpsidos non eran crocodilianos de vida acuática senón terrestre, e tiñan patas máis longas que as dos actuais crocodilianos. Crecían ata un máximo de 2 ou 3 m de lonxitude.[2] Os esqueletos case completos de Pristichampsus atopados indican que estaban máis acoirazados que os crocodilianos vivos, e tiñan placas chamadas osteodermos estreitamente entrelazdas ao longo do dorso, que cubrían completamente a cola, e se estendían cara a abaixo ás patas. As garras eran romas e foron descritas como con forma de pesuños,[3] o que suxire que os pristicámpsidos puideron ser ungulígrados,[4] polo que camiñaban sobre a punta dos dedos como os mamíferos ungulados. As áreas sobre os ósos das patas onde se unen os músculos están en diferentes posicións nos pristicámpsidos que nos crocodilianos vivos, posiblemente como adaptación a camiñar en terra. Un estudo suxire que estas modificacións anatómicas podían permitirlles camiñar sobre as patas posteriores durante breves períodos de tempo, converténdoos en posibles bípedes facultativos.[2]

Aínda que a maioría dos crocodilianos teñen cranios aplanados, os pristicámpsidos teñen cranios altos e estreitos comprimidos lateralmente. Os seus dentes están tamén comprimidos lateralmente e non son cónicos coma os dos outros crocodilianos. A combinación dun cranio e dentes comprimidos lateralmente denomínase condición "cifodonta". Esta condición é común entre os crocodilomorfos non crocodilianos terrestres que viviron no Mesozoico, pero entre os crocodilianos só se dá nos pristicámpsidos e no crocodilo australiano extinto Quinkana (que tamén se cre que era de vida terrestre).[2]

Os dentes da mandíbula superior solapaban completamente os da mandíbiula inferior cando pechaban a boca, dándolles unha sobremordida de tipo aligátor. Os pristicámpsidos tamén teñen unha amosega entre o óso da premaxila no extremo da mandíbula superior e a maxila detrás del. Os crocodilos vivos teñen esta amosega, que proporciona espazo para o seu agrandado cuarto dente da mandíbula inferior cando pechan a boca. Nos pristicámpsidos e outros crocodiloides basais, o cuarto dente é pequeno e non encaixa na amosega.[2]

Filoxenia editar

Velaquí un cladograma que ilustra a filoxenia dos Pristichampsidae segundo Brochu et al. (2012):[5]

Bernissartia fagesii

Hylaeochampsidae

Crocodilia (crocodilianos)

Gavialoidea (gharials e parentes extintos)

Borealosuchus spp.

Pristichampsidae

Pristichampsus vorax

Boverisuchus magnifrons

Brevirostres

Alligatoroidea (aligátores, caimáns e parentes extintos)

Crocodyloidea (crocodilos e parentes extintos)

Notas editar

  1. Brochu, C. (2007). "Systematics and phylogenetic relationships of hoofed crocodiles (Pristichampsinae)". Journal of Vertebrate Paleontology 27 (3, Suppl.): 53A. doi:10.1080/02724634.2007.10010458. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Brochu, C. A. (2003). "Phylogenetic approaches toward crocodylian history" (PDF). Annual Review of Earth and Planetary Sciences 31: 357–97. doi:10.1146/annurev.earth.31.100901.141308. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 05 de agosto de 2017. 
  3. Langston, W. (1956). "The Sebecosuchia; cosmopolitan crocodilians?". American Journal of Science 254 (10): 605–614. doi:10.2475/ajs.254.10.605. 
  4. Young, M. T.; Bell, M. A.; De Andrade, M. B.; Brusatte, S. L. (2011). "Body size estimation and evolution in metriorhynchid crocodylomorphs: Implications for species diversification and niche partitioning". Zoological Journal of the Linnean Society 163 (4): 1199. doi:10.1111/j.1096-3642.2011.00734.x. 
  5. Brochu, C. A.; Parris, D. C.; Grandstaff, B. S.; Denton, R. K.; Gallagher, W. B. (2012). "A new species of Borealosuchus (Crocodyliformes, Eusuchia) from the Late Cretaceous–early Paleogene of New Jersey". Journal of Vertebrate Paleontology 32: 105. doi:10.1080/02724634.2012.633585.