Portal:Xogos Olímpicos/Cabezallo

Os Xogos Olímpicos (XX. OO.) (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés), ou olimpíadas son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes. Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os xogos da olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha olimpíada, e os Xogos Olímpicos de inverno durante o seu terceiro ano». Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.

A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna levaronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.