Portal:Xabarín Club/Serie destacada/2

As bólas máxicas (ドラゴンボール Doragon Bōru?) é unha serie anime xaponesa producida por Toei Animation. É unha adaptación dos primeiros 194 capítulos do manga Dragon Ball creado por Akira Toriyama, que foron publicados en Weekly Shōnen Jump dende 1984 até 1988. O anime componse de 153 episodios que foron orixinalmente emitidos a través de Fuji TV entre o 26 de febreiro de 1986 e o 19 de abril de 1989. A serie emitiuse en galego na década de 1990 a través da TVG no programa Xabarín Club.

As bólas máxicas conta as aventuras do protagonista Son Goku, un forte e inocente rapaz que, despois de encontrarse con Bulma, proponse reunir as sete bólas do Dragón que conceden desexos. Despois de converterse en alumno do experto en artes marciais Mestre Mutenroi, el e o seu compañeiro e amigo Krilín compiten nun torneo que atrae ós meirandes loitadores do mundo. Despois emprende unha viaxe só e acaba enfrontándose e destruíndo o Exército de Red por si mesmo. Cando Krilín é asasinado despois doutro torneo, Son Goku busca vingarse do seu asasino, Piccoro Daimaō. Tres anos despois, Son Goku, agora un mozo adulto, debe loitar contra o fillo de Piccoro Daimao, Piccoro. Os restantes 325 capítulos do manga foron adaptados na serie anime Dragon Ball Z.