Portal:Xabarín Club/Grupo destacado/5

Siniestro Total é un grupo de música punk-rock galego, formado en Vigo en 1981 por Germán Coppini, Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández. Tras pasar por varias formacións, a actual ficou con Julián Hernández, Javier Soto, Óscar G. Avedaño, Ángel González e Jorge Beltrán. No outono de 1981 a banda comezou a ensaiar, a gravar temas e a promocionarse, pero faltáballes un vocalista. Atoparon a Germán Coppini, quen aceptou ocupar o posto do cantante en Siniestro Total. A finais de ano o grupo tiña catorce temas e empezou a publicitarse como "un grupo vigués cunha concepción iconoclasta e neo-dadaísta nos textos: punk-rock galego contra o aburrimento xeral", ou, tal como os definiría Antón Reixa nunha das primeiras gravacións das que se ten constancia, como un grupo de "esquizorock celta", e distribuíu a maqueta que tiñan gravada. Jesús Ordovás, que daquela dirixía o programa radiofónico Esto No Es Hawaii en Radio 3, interesouse por ela. Ordovás comezou a pinchar os seus temas e a promocionar a Siniestro Total dende o seu espazo radiofónico. Deste xeito, a banda acadou unha enorme sona entre os oíntes, quen comezaron a pedir máis material do grupo.