Portal:Rusia/Artigo destacado/7

O Potemkin (en ruso: Князь Потёмкин-Таврический Kniaz Potemkin Tavricheskii, «Príncipe Potiomkin de Táurica») foi un acoirazado pre-dreadnought ruso que se construíu para a Frota do Mar Negro da Armada Imperial rusa. O buque fíxose famoso polo motín dos seus mariñeiros contra os oficiais en xuño de 1905, durante a Revolución Rusa de 1905. Tempo despois este motín considerouse un primeiro paso cara á Revolución Rusa de 1917 e converteuse nun símbolo revolucionario grazas á película muda O acoirazado Potemkin, dirixida por Sergei Eisenstein en 1925.

Despois de que os amotinados buscasen refuxio no porto romanés de Constanza, a armada rusa recuperou o buque e renomeouno Panteleimón. En 1909 o acoirazado afundiu accidentalmente un submarino ruso e en 1911 encalou e resultou gravemente danado. Iniciada a Primeira Guerra Mundial, a finais de 1914 o Panteleimón participou na batalla do cabo Sarych contra buques de guerra do Imperio otomán...