Portal:Reino Unido/Cidade destacada/3

Liverpool é unha cidade inglesa de 439.476 habitantes, capital do distrito metropolitano homónimo e do condado metropolitano inglés do Merseyside. A cidade esténdese ao longo do esteiro do Mersey cara ao Mar de Irlanda non moi lonxe de Gales. Limita polo norte co concello metropolitano de Sefton, polo leste co de Knowsley, polo sur e oeste co devandito río. Foi fundada como vila en 1207 e tivo ese status até 1880, cando recibiu o título de cidade. Segundo o último censo oficial, que data de 2001, Liverpool tiña unha poboación de 439 473 habitantes; esta cifra aumenta lixeiramente até os 454 654 habitantes segundo estimacións para o ano 2009. A cidade atópase no centro da Área Metropolitana de Liverpool, cuxa poboación ascende a 816 216 habitantes.

Historicamente pertencente ó condado de Lancashire, a urbanización e expansión de Liverpool debeuse en gran parte á súa condición de cidade portuaria importante. No século XVIII, o comercio coas Indias Occidentais, coa Europa continental e o tráfico de escravos no Atlántico promoveu a expansión económica da cidade. A comezos do século XIX, o 40% do comercio marítimo mundial pasaba polos peiraos de Liverpool. No presente, é o segundo porto do Reino Unido en volume de exportacións tralo de Londres.

A popularidade de The Beatles (tamén salientaron outros grupos como por exemplo The Scaffold) e do equipo de fútbol Liverpool Football Club contribúen a converter a Liverpool nun destino turístico; o turismo xoga un papel significante na economía da cidade. En 2007 celebrou o seu 800.º aniversario, e no ano seguinte foi Capital Europea da Cultura xunto á cidade norueguesa de Stavanger.

En 2004, varias zonas ó largo do centro da cidade foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Coñecido como a «Cidade mercantil marítima de Liverpool», o lugar abrangue seis localizacións separadas na cidade, incluíndo «Pier Head», «Albert Dock» e a «rúa William Brown»; inclúe a maioría dos puntos de interese con máis sona da cidade.