Coordenadas: 53°27′N 3°02′O / 53.45, -3.03

O río Mersey é un curto río costeiro do Reino Unido na vertente do mar de Irlanda que transcorre polo noroeste de Inglaterra e ten unha lonxitude de 112 km.

Río Mersey
Mersey River
Liña da costa de Liverpool, sobre o río Mersey
País Reino Unido
CondadoMerseyside
NacementoConfluencia dos ríos Goyt e Tame en Stockport
Altitude473 m
Lonxitude112 km
Conca4 680 km²
DesembocaduraBaía de Liverpool, mar de Irlanda
Altitude desembocadura0 km
Curso do río Mersey
Pontes de Runcorn sobre o Mersey.

O seu nome procede da palabra anglosaxoa Mǽres-ēa que significa "río da fronteira", xa que durante séculos formou a fronteira entre os condados de Lancashire e Cheshire, e é probábel que tamén o fose entre os reinos anglosaxóns de Mercia e Northumbria.

O Mersey fórmase en Stockport pola confluencia de tres pequenos ríos: o Etherow (30 km), o Goyt e o Tame (40 km), en especial o Tame e o Goyt. Despois pasa cerca de Didsbury, Stretford, Urmston, Flixton e Irlam, onde o río se integra no canal navegábel de Mánchester, que até ese momento é a canalización do río Irwell. Desde ese lugar até Rixton (cerca de Warrington), o Mersey queda desdebuxado polo canal; en Rixton, o río Bollin desauga no canal polo sur, e o Mersey deixa o canal polo norte, describindo amplos meandros por Woolston e Warrington. En Howley Weir, en Warrington, o río xa sofre o efecto das mareas e logo ensánchase ao saír da vila, discorrendo cerca de Runcorn e Widnes, e de novo se ensancha até formar un estuario duns tres quilómetros de ancho. Finalmente estréitase un pouco entre Birkenhead e Liverpool antes de desembocar na baía de Liverpool, no mar de Irlanda.

O estuario do Mersey é accesíbel a barcos de todo tipo.