Portal:Pontevedra/Artigo destacado/1

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da Guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron ás tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

A vitoria do mariscal Soult na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809, sobre as tropas británicas de Moore, deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibe ordes de controlar o Norte do país e máis Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. Á par Soult pasa a Portugal, onde toma Porto no 29 de marzo.

Ney saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8 000 infantes e 1 200 xinetes, con 13 canóns. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño entre Pontevedra e Vigo.

O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. As tropas francesas procuraron vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez, ao igual que as tentativas sobre a ponte de Caldelas. O día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de retirarse a Compostela.