Portal:Irlanda/Biografía destacada/1

James Augustine Aloysius Joyce, nado en Rathgar o 2 de febreiro de 1882 e finado en Zürich (Suíza) o 13 de xaneiro de 1941, foi un escritor irlandés, considerado un dos autores de maior relevancia do século XX. As súas obras máis coñecidas son o volume de contos Dublineses (1914) e as novelas Retrato do artista cando novo (1916), Ulises (1922) e Finnegans wake (1939).

A pesar de que Joyce viviu fóra do seu país natal a meirande parte da súa vida adulta, as súas experiencias irlandesas son esenciais na súa obra e fornécenlle toda a ambientación e moita parte da temática. O seu universo ficcional arráigase fortemente en Dublín e reflicte a súa vida familiar e sucesos, amizades e inimizades dos tempos da escola e da facultade. Desta forma, é un dos máis cosmopolitas e particularistas dos autores modernistas en inglés.