Portal:Fútbol/Artigo destacado/2

A Copa do Mundo da FIFA, tamén coñecida como Campionato Mundial de Fútbol ou Mundial de Fútbol, é un torneo internacional de fútbol, organizado cada catro anos pola Fédération Internationale de Football Association — FIFA. O torneo conta con dúas etapas principais, un proceso clasificatorio onde os países compiten agrupados por diferentes confederacións continentais, chegando na edición de 2010 a 204 participantes, e unha fase final nunha sede designada pola organización na que participan 32 seleccións nun período aproximado dun mes.

A primeira edición do mundial foi en 1930, coa vitoria da selección anfitrioa, e foi celebrado cada catro anos coa excepción de 1942 e 1946 debido á Segunda Guerra Mundial. A selección do Brasil é a selección que acadou con máis títulos mundiais até o momento, con cinco, sendo tamén a única que participou en tódalas edicións. Despois do Brasil en título obtidos, seguen a selección de Italia, con catro, Alemaña, con tres, Arxentina, Uruguai e Francia con dous e, cun só título, Inglaterra e España.

O torneo presenta unha forte dominación dos equipos europeos e suramericanos: os primeiros gañaron o título en 11 ocasións, mentres que os segundos en nove. Ademais tan só dous equipos doutras confederacións xeográficas teñen chegado ás semifinais Estados Unidos en 1930 e Corea do Sur en 2002. Ademais, o Brasil (en 1958 e 2002) e España (en 2010) foron até o momento os únicos equipos que conseguiron gañar fóra do seu continente. A fase final da Copa do Mundo é o evento dunha soa disciplina máis seguido do mundo (a edición de 2002 foi vista por máis de 1.100 millóns de espectadores), e o segundo máis seguido en xeral tan só por detrás dos Xogos Olímpicos de verán.