Portal:Bretaña/Artigo destacado/2

Un bagad é unha formación musical bretoa inspirada nas bandas de gaitas escocesas. Adoitan compoñerse de tres seccións instrumentais: Binioù bras (semellante á gaita escocesa), bombarda e percusión. Segundo o tamaño e importancia do bagad, a sección de percusión pode tamén dividirse en percusión tradicional e percusión non tradicional (batería e caixa).

A principios do século XX, as tradicións culturais bretoas foron abandonadas progresivamente e as novas xeracións percibíanas como arcaicas e "pailanas". A parella tradicional gaita-bombarda cae en desuso e nos anos 1920 só quedaban na Bretaña unha decena de sonneurs (gaiteiros e bombardistas). A primeira banda de sonneurs foi a BAS, Bodadeg ar Sonerion (Asemblea de sonneurs), que naceu da KAV en 1943.

Aínda que o bagad sexa unha formación de creación recente, contribuíu ó renacer e ó auxe da cultura bretoa e en particular da súa música. Dende finais do século XX goza dunha gran vitalidade e popularidade, e nunca falta nas manifestacións populares da Bretaña. Debido a isto, todo concello de tamaño mediano ou grande na Bretaña ten, cando menos, un bagad. Para as competicións, os bagadoù son clasificados en cinco categorías. As competicións máis importantes teñen lugar tódolos anos en Brest e en Lorient, sendo este último onde ten lugar o Festival Intercéltico de Lorient.