Picafollas musical

(Redirección desde «Phylloscopus trochilus»)

O picafollas musical[2] ou picafollas cantor[3] (Phylloscopus trochilus) é un paseriforme moi común e espallado, que se reproduce nas zonas setentrionais e temperadas de Europa e Asia, desde Irlanda cara ao leste ata o río Anadyr no leste de Siberia. En Galicia é unha ave de paso pouco común.[3] É unha ave fortemente migratoria e case toda a poboación inverna na África subsahariana.[4][5] Pertence á familia Phylloscopidae, aínda que antes estaba clasificado dentro de Sylviidae.

Picafollas musical

Canción
Chamada
Canción gravada en Gloucestershire, Inglaterra
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Phylloscopidae
Xénero: Phylloscopus
Especie: Phylloscopus trochilus
(Linnaeus, 1758)
Amarelo: Área reprodutora (só en verán) Blue: Visitante invernal non reprodutor Raiado: migración.
Amarelo: Área reprodutora (só en verán)
Blue: Visitante invernal non reprodutor
Raiado: migración.

Amarelo: Área reprodutora (só en verán)
Blue: Visitante invernal non reprodutor
Raiado: migración.
Subespecies
  • P. t. trochilus (Linnaeus, 1758)
  • P. t. acredula (Linnaeus, 1758)
  • P. t. yakutensis (Ticehurst, 1935)
Sinonimia

Motacilla trochilus Linnaeus, 1758

É unha ave de bosques abertos con árbores e cuberta vexetal do tereo para a nidificación, incluíndo principalmente hábitats con bidueiros, amieiros e salgueiros. O niño constrúeo xeralmente en estreito contacto co chan, a miúdo en vexetación baixa. É insectívoro.[5] No norte de Europa, é un dos primeiros da súa familia que regresa na primavera, aínda que o fai despois que o estreitamente relacionado picafollas europeo.[5]

Descrición editar

Ten a aparencia típica dos picafollas e mide de 11 a 12.5 cm de lonxitude e pesa de 7 a 15 g. Pola parte superior é marrón verdoso e de cor abrancazada a amarelada por debaixo; as ás son dunha cor marrón verdosa uniforme sen barras. Os xoves son máis amrelos por debaixo que os adultos. É moi similar ao picafollas europeo, pero os exemplares que non están cantando poden distinguirse desa outra especie polas súas patas amarelas rosadas máis claras (que son de marróns escuras a anegradas no picafollas europeo), bico máis longo e máis claro, forma máis elegante e proxección das primarias máis longa (punta das ás). A súa canción é un asubío descendente repetitivo simple, e a chamada de contacto é un disilábico 'hu-iit', distinto do máis monosilábico son 'huiit' dos picafollas europeos.[4][5][6][7]

Subespecies editar

Acéptanse tres subespecies cunha redución en parte clinal dos tons de plumaxe verdes e amarelos de oeste a leste, sendo os paxaros da zona central e de máis ao leste predominantemente cincentos:[4]

  • Phylloscopus trochilus trochilus (Linnaeus, 1758). Reprodúcese en Europa (desde os Pireneos e Alpes cara ao norte) excepto no norte de Escandinavia; inverna no oeste de África.
  • Phylloscopus trochilus acredula (Linnaeus, 1758). Reprodúcese no norte de Escandinavia e cara ao leste ata o oeste de Siberia; inverna en África central.
  • Phylloscopus trochilus yakutensis (Ticehurst, 1935). Reprodúcese no leste de Siberia; inverna no leste e sur de África.

Comportamento editar

Todas as poboacións son altamente migratorias, e a subespecie P. t. yakutensis migra a distancias de ata 12 000 km desde o leste de Siberia ao oeste de África ao longo da ruta que vai de Asia ao leste de África, unha das máis longas migracións de todos os paxatos do seu tamaño.[4][6] Os momentos do ano aproximados son:

  • De outubro a marzo: está invernando na África subsahariana.
  • Da metade de marzo a maio: migra e chega ao seu territorio reprodutor.
  • De finais de abril a agosto: estación reprodutora; xeralmente fan unha posta de ovos, raramente dúas.
  • De agosto a outubro: migra de volta a África.

Conservación editar

 
 
Ovo da especie na colección do Museo de Wiesbaden, Alemaña

Os picafollas musicais prefiren bosques xoves abertos e con moita fraguiza con árbore pequenas, incluíndo os hábitats alterados polos humanos como o monte baixo e plantacións novas de ata 10–20 anos de idade. Prefiren que haxa moitos bidueiros, amieiros e salgueiros, ben cubertos de lique, e correntes de auga (por exemplo regatos), campos con grandes fentos e musgos e áreas de Rubus baixos (como cuberta para os niños), pero usa unha gran variedade doutras especies, como as dos bosques de conífers novos ou abertos.[6][8] As matogueiras no bordo dos bosques son beneficiosos para eles. Prefiren áreas boscosas húmidas. As matogueiras nos que se forman arbustos como os abruñeiros proporcionan bolss de hábitat. O ramalleo dos cervos pode degradar a cuberta de vexetación baixa que necesitan.

As maiores densidades de poboación encóntranse en Escandinavia (onde é o paxaro máis común), con ata 1 100 parellas por km2 e unha poboación total en Suecia e Finlandia de 24 millóns de parellas. Hai menores densidades máis ao leste, cun pico de densidade de 27 parellas por km2 en Siberia central. Densidades menores atópanse no límite sur da súa área de distribución, con só 9 parellas por km2 en Suíza e un total de 100 parellas en todo o norte de España.[4]

Taxonomía e etimoloxía editar

Foi descrito cientificamente por primeira vez por Linnaeus na súa obra Systema Naturae en 1758 incluído no xénero Motacilla.[9] e despois transferido ao xénero Phylloscopus (do cal é a especie tipo) por Boie en 1826.[10] O nome científico vén do grego antigo. O nome do xénero Phylloscopus procede de phyllon, 'folla' e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'ollar'), e o nome específico trochilus vén de trokhilos, '~paxaro sílvido'.[11]

Notas editar

  1. "Phylloscopus trochilus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Hoyo, J. del; et al., eds. (2006). Handbook of the Birds of the World, vol. 11. Barcelona: Lynx Edicions. p. 649. ISBN 84-87334-22-9. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Baker, Kevin (1997). Warblers of Europe, Asia and North Africa (Helm Identification Guides). pp. 256–259. ISBN 0-7136-3971-7. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Snow, D. W.; Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic (Concise ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854099-X. 
  7. "Ageing and sexing (PDF) de Javier Blasco-Zumeta" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2016. Consultado o 19 de agosto de 2019. 
  8. RSPB Woodland Management For Birds – Willow Warbler
  9. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 188. 
  10. Boie, F. Isis (von Oken) 19 (10): 972, 1826.
  11. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 305, 394. ISBN 978-1-4081-2501-4. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar