Peponocephala electra

especie de cetáceo da familia dos delfínidos
(Redirección desde «Peponocephala»)

Peponocephala electra é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Peponocephala.

Peponocephala electra

Tamaño en comparación co home
Tamaño en comparación co home

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Globicephalinae
Xénero: Peponocephala
Nishiwaki e Norris, 1966 [2][3]
Especie: P. electra
Nome binomial
Peponocephala electra
(Gray, 1846) [4][5]

Sinonimia
— Do xénero:[2]
  • Electra Gray, 1868
— Da especie:[4]
  • Lagenorhynchus asia Gray, 1846
  • Delphinus fusiformis Owen, 1866
  • Lagenorhynchus pectoralis (Peale, 1848)
  • Lagenorhynchus electra Gray, 1846
  • Delphinus pectoralis Peale, 1848

Está estreitamente relacionada con Feresa attenuata e cos caldeiróns.

Taxonomía editar

Debido á dificultade para estudala (a maioría dos datos científicos chegaron a partir de varamentos), a posición taxonómica desta especie está pouco clara. Foi definida en 1846 por John Edward Gray, co nome de Lagenorhynchus electra,[6] e até 1966 clasificouse no xénero Lagenorhynchus, data en que se reclasificou no novo xénero, propio, Peponocephala (literalmente, "a de cabeza de melón"), creado por Nishiwaki e Norris,[7] e situada dentro da subfamilia dos globicefalinos en 1973 por Kasuya e, posteriormente, por moitos outros autores.[8]

Descrición editar

As principais características de Peponocephala electra son:[9]

  • Corpo en forma que recorda á dun torpedo, de coloración gris máis ou menos escura.
  • Cabeza delgada, estreita, que se vai adelgazando cara á punta, roma, e cunha máscara escura que chega até detrás do ollo.
  • Aletas pectorais longas e rematadas en punta, e aleta dorsal alta, falciforme.
  • Cando se ve de perfil, a cabeza non é tan arredondada como a de Feressa attenuata, e isto pode ser de axuda para a identificación.

Comportamento editar

É capaz de nadar moi rápido, especialmente cando se asusta. Realiza saltos fóra da auga cando viaxa a gran velocidade, producindo moita escuma ao caer. Os individuos que nadan lentamente poden ás veces sacar a cabeza fóra da auga. Polo xeral desconfía dos barcos. Moi gregaria, reúnese en grupos de gran número de individuos (de 100 a 1 000).[9]

Distribución e poboación editar

Pouco se sabe sobre esta especie, pero a súa distribución é ampla xa que habita en todos os océanos tropicais e subtropicais, e pode aparecer en calquera parte en zonas de augas profundas. Parece ser bastante común en Filipinas (en especial ao longo da costa da illa de Cebú).

O seu estado de conservación foi cualificado en 1994 pola UICN como "CC" (sen datos suficentes) pero, en 2008, e aínda que non se dispoñen de datos globais da abundancia da especie ou da tendencia á súa evolución, calculábase que nesa data contaba polo menos con 50 000 individuos, e entre as ameazas que poderían provocar caídas xeneralizadas da poboación estarían os altos niveis de ruídos antropoxénicos, especialmente de sonares militares e de estudos sísmicos e, localmente as capturas accidentais debidas á pesca. Porén, a combinación da alta abundancia global e dunha ampla gama de subpoboacións subtropicais, os posíbeis descensos impulsados polas ameazas crese suficiente para descartar unha redución global do 30 % dos efectivos ao longo de tres xeracións, polo que a súa situacións foi reclasificada como "LV" (pouco preocupante).[10]

Notas editar

  1. Taylor, B.L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S.M., Ford, J., Mead, J.G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R.L. (2008). "Ziphius cavirostris". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 26 February 2009. 
  2. 2,0 2,1 Peponocephala Nishiwaki and Norris, 1966 en ITIS.
  3. Peponocephala en Wilson & Reeder (eds.) (2005).
  4. 4,0 4,1 Peponocephala electra (Gray, 1846) en ITIS.
  5. Peponocephala electra en Wilson & Reeder (eds.) (2005).
  6. Gray, J. E. (1846): Zool. Voy. H.M.S. "Erebus" and "Terror", 1: 35.
  7. Mishiwaki e Norris (1966): Sci. Rep. Whales Res. Inst., 20: 95.
  8. Paleobiology Database.
  9. 9,0 9,1 Carwardine, M. (1995), pp. 156-157.
  10. Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (asesores) (2008): "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN. Versión 2013.1.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar