Pedro Mascarenhas

Pedro de Mascarenhas, nado en Mértola cara a 1484 e finado en Goa (India) o 23 de xuño de 1555, foi un navegante, explorador e administrador colonial portugués. Foi o primeiro europeo que descubriu en 1512 a illa de Diego García no océano Índico e tamén atopou nesa viaxe a illa Mauricio, aínda que é probable que non fose o primeiro explorador portugués en facelo, pois expedicións anteriores como as de Diogo Dias ou Afonso de Albuquerque puideron habela atopado.

Pedro Mascarenhas
Nome completoPedro de Mascarenhas
Nacemento1484
Lugar de nacementoMértola
Falecemento23 de xuño de 1555
Lugar de falecementoVelha Goa
NacionalidadeReino de Portugal
Ocupaciónexplorador e diplomático
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Grazas ao impulso dado ás viaxes de exploración pola fundación en 1499 da Casa da Índia (a Compañía das Indias Portuguesas, destinada a controlar o comercio colonial coa India), Mascarenhas, fillo dunha familia rica, reuniu unha frota de barcos coa que emprendeu unha serie de viaxes de exploración e comercio de especias na costa do norte de África e Mozambique.

A finais de 1511, cando estaba nas proximidades do cabo de Boa Esperanza, o levantamento da rexión de Goa (probablemente instigados por Adil Shah, que quería liberar a península India do goberno de Albuquerque e os portugueses), levou a que Mascarenhas tomase a iniciativa de separarse da frota para atopar un xeito máis rápido de chegar á India. Nese momento, o longo camiño á India era o da navegación costeira seguindo a costa oriental de África ata a costa de Malabar. Mascarenhas emprendeu rumbo ao leste en augas non coñecidas e descubriu algunhas illas, Rodrigues, e bautizou outras, Reunión e Mauricio, á que lle deu o nome de Cerne, do grupo de illas ao leste de Madagascar que agora leva o seu nome (que ademais das anteriores, inclúe as Agalega e o banco de Cargados Carajos; en 1528 o tamén navegante portugués Diogo Rodrigues foi quen bautizou esas illas como illas Mascareñas na súa honra.)

Mascarenhas serviu como capitán xeneral da colonia portuguesa de Malaca de 1525 a 1526. Das súas actividades posteriores emprendidas grazas ao prestixio da súa viaxe e os seus descubrimentos, sábese que participou nunha expedición a Tunisia en 1535 e que tamén representou os intereses portugueses en Roma tralo seu nomeamento como embaixador do rei Xoán III de Portugal no séquito enviado a Roma en 1538. Nese mesmo ano Mascarenhas serviu na frota do terceiro vicerrei portugués das Indias, don García de Noronha.

En 1554, Mascarenhas foi nomeado Vicerrei da India portuguesa, desempeñando o seu cargo desde Goa, a capital das posesións portuguesas en Asia. Suponse que morreu nove meses máis tarde en Goa, en 1555, na idade de 71 anos. Foi sucedido no vicerreinado por Francisco Barreto.[1]

Notas editar

  1. Robert Kerr, ed. (1812). "Conquest of India". A General History and Collection of Voyages and Travels. Edinburgh: William Blackwood. pp. 411.