Pazo de Lira

pazo en Lira, Salvaterra de Miño

O Pazo de Lira é unha casa señorial baixomedieval situada entre o lugar do Alcázar e o das Carrasqueiras na parroquia de Lira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, no Condado. Ten orixe nunha torre medieval á que se lle engadiu a zona de residencia que chegou aos nosos días con varias transformacións. Logo de ser durante séculos morada de nobreza galega, hoxe é unha propiedade privada non visitábel de uso agrícola (adega e viñedos). De aquí procede o apelido Lira.

Pazo de Lira
ConcelloSalvaterra de Miño
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°09′09″N 8°28′14″O / 42.152396832374, -8.4704193764512Coordenadas: 42°09′09″N 8°28′14″O / 42.152396832374, -8.4704193764512
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Palatino galego baixomedieval, século XIII)
Estilo actual(galego palatino, século XVII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

Pequeno pazo moi sinxelo, case sen enfeites, de planta en forma de "L" e muros de fábrica de cantaría de granito con vans rectangulares. No encontro dos dous corpos érguese a torre, a parte máis antiga (medieval) do edificio á que se lle engadiu a zona de vivendas, de planta cadrada, moi bo perpiaño, cuberta a catro vertentes e tres andares, con gárgolas de desaugamento a xeito de canóns, rematada en ameas, unha cruz, e con dous brasóns na parte alta da fachada; o escudo esquerdo amosa as armas dos Lira, o da dereita as dos Pereira, Troncoso de Lira e Soutomaior, Castro e Correa (aínda que tamén poderían aparecer as de Ribadeneira e Aguiar). Unha edificación anexa, por un lateral, completa o conxunto cun formato en “U”. As zonas de vivenda fóronse reformando en distintas épocas polos seus propietarios para as adaptar ás necesidades de cada momento[1]. Nalgunhas fotos de principios do século XX pódese ollar a existencia dunha parella de lucernarios no tellado, hoxe desaparecidos. O interior é pequeno, duns 80 m2, conta con cociña con lareira e forno.

É de salientar tamén que no eido se atopa unha pequena capela dedicada ao Santísimo Sacramento[2], e sinxela e atópase en estado ruinoso; conta cun escudo coas armas dos Troncoso e Soutomaior; no interior, nos costados do altar aparecen dúas inscricións en pedra que rezan:

  • Esta capilla fundo' Rª Troncoso d Lira i Ana d Baros i su muger i la dotaron i anexaron a su casa i mando les digan una misa e cada cemana perpetvuamente esta obligado el canpo".
  • En esta capilla don fvundadas dos misas en cada semana perpetvamente que mando fazer D Fco Corea comendador qve fue del abito d Calatraba Una misa por las animas do pvrgatorio otra al sabado por su anima la paga canpo dl gna q taspa.

Ademais accédese ao eido grazas a un discreto portón onde se atopa un escudo en pedra moi erosionado, no que se aprecian os escaques dos Soutomaior. Á beira do pazo atopamos tamén un cruceiro e unha fonte cun pío medieval.

O eido mide unhas 60 hectáreas (17.200 m2 de bosque e 42.300 m2 de leiras, a meirande parte viñedos).

Historia editar

A zona onde se atopa o pazo estivo habitada dende a prehistoria, como o demostra a existencia do castro, moi achegado ao mesmo. A orixe do edificio sería unha torre medieval do antigo Reino de Galiza, que xa na Idade Moderna sería transformada en pazo para a nobreza galega.

No século XII Bermudo Pérez de Traba (fundador do mosteiro de Nogueirosa, preto de Pontedeume) casa con Godina do Mato e teñen un fillo: García Bermúdez. Este á súa vez ten un fillo: García de Lira, que é o primeiro personaxe co apelido Lira do que se teñen novas (quizais foi el quen ergueu a casa no século XIII). A partir del, e durante anos, o apelido Lira vai ligado ao pazo. O nobre apelido axiña se estende por toda Galiza e Norte de Portugal, chegando a Chile no século XVII por mor das deavenenzas da familia no Portugal daquela época.

A historia da casa correu paralela á polémica suscitada a partir dos dous fillos maiores de Diego López de Lira, chamados Juan Francisco e Rodrigo Troncoso de Lira, os cales se facían chamar “señores de Lira”, como o farían os seus sucesores, o que indica que a titularidade da casa se atopaba dividida en dúas porcións[1]. Rodrigo Troncoso de Lira é quen funda a capela da casa no entre os séculos XVI e XVII[3].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Pazo de Lira na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. "Información do pazo en Turgalicia". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2016. Consultado o 12 de agosto de 2016. 
  3. pazo de Lira.com

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar