Pazo da Escola

casa grande na Moreira (Mañufe, Gondomar)

O pazo da Escola, orixinariamente Pazo de Mendoza é unha casa grande galega da segunda metade do século XVIII fundada polo Policarpo de Mendoza. Está situada no lugar da Moreira, parroquia de Mañufe, concello de Gondomar. Existe outro pazo de Mendoza e tamén fundado por Policarpo de Mendoza en Baiona.[1][2]

Pazo da Escola
ConcelloGondomar
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°06′29″N 8°46′23″O / 42.108055555556, -8.7731944444444
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Foi fundado por Policarpo de Mendoza, deán da catedral de Santiago, e a súa construción rematada no ano 1769[2]. Existen indicios de que obra tivo lugar sobre os terreos dunha leira anterior coñecida como A Casa de Moreira, propiedade da nai do deán, María del Espíritu Santo Rodrigo[2][3]. Sobre esta muller o arquitecto Antonio Soliño Troncoso, sinala a existencia dun erro na súa partida de bautismo, sendo o seu verdadeiro nome María Rodríguez Mendoza[4].

Na década de 1970 parte do edificio acolleu a Academia San Vicente[1][3], dirixida polos profesores José Casás e a súa dona Élida González[1], motivo polo cal se coñece como Pazo da Escola. A finais do XX foi sometido a obras de rehabilitación baixo supervisión do Servizo Provincial de Patrimonio, co obxecto de adecuar a construción como centro de hospedaxe e hostalería[2][5][3].

Arquitectura

editar

O edificio ten forma de U, posúe unha ampla solaina porticada "sobre soportal pétreo e gran lareira con forno e cambota rematada nunha das chemineas máis monumentais do Val de Miñor" segundo descrición do arquitecto Antonio Soliño Troncoso[3]. Na fachada leste conserva un brasón coas armas do fundador.[5][3]

Posúe bodegas e cortes, así como patio interior e soportais pétreos. Na primeira planta atopábanse as dependencias de vivenda. Toda o terreo está valado cun muro de 2 metros de alto aproximadamente; polo lateral sur, a carón do camiño, existen dúas portadas de acceso: unha de pequenas dimensións e a segunda, que é a principal, situada á dereita da anterior.[5][2]

No exterior do edificio atopamos unha eira de pedra cercada e pavimentada para mallar o trigo e outros cereais. Así mesmo, posúe un hórreo de grandes dimensións, cun reloxo de sol na parte superior nun bo estado de conservación.[5]

Teñen interese as edificacións adxectivas e o xardín tradicional de froiteiras.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pérez Pérez, Carmen (2012). Un percorrido pola historia do Val Miñor. Deputación de Pontevedra. p. 39. ISBN 978-84-8457-383-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Historia Pazo da Escola casa rural". Pazo da Escola. Arquivado dende o orixinal o 02-11-2016. Consultado o 14-05-2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Soliño Troncoso, Antonio. Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Gondomar. ISBN 978-84-09-06595-0. OCLC 1126495195. 
  4. "Rutas Concello de Gondomar". Wikiloc. Consultado o 14-05-2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Pazo da Escola na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar