Parque A Canuda

parque en Salvaterra de Miño
(Redirección desde «Parque da Canuda»)

Coordenadas: 42°04′45″N 8°30′11″O / 42.079177777778, -8.5029666666667

O parque de Salvaterra de Miño, máis coñecido como o Parque A Canuda, atópase no límite sur da vila, xunto á ribeira do río Miño. Trátase dun grande espazo verde que conta con 200.000 m cadrados. Este espazo, debido á súa situación xeográfica (sueste de Galicia) vese favorecido por un suave e primaveral microclima.[1]

Circuíto de educación viaria.

Historia editar

 
Zona de pícnic.

O Parque A Canuda foi inaugurado por 1ª vez no ano 1992 polo alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal Vaqueiro. Posteriormente o parque foi reformado e inaugurado por segunda vez no 2007[2].

Descrición editar

Trátase dun grande espazo verde que conta con instalacións deportivas, circuíto de educación viaria, recinto de aves, anfiteatro, parque infantil, circuíto de ximnasia e rehabilitación, aula da natureza (para coñecer a fauna e flora do Miño xunto con elementos da súa etnografía), un lago con barcas de recreo, múltiples carballeiras, un paseo peonil con carril-bici, un servizo de bicicletas gratuítas e numerosas sendas ecolóxicas que rematan na Illa Fillaboa.[3]

Distribución editar

 
Xardín botánico.

O parque dispón de dúas entradas e saídas de fácil acceso. Unha delas, atópase preto das pistas de fútbol, baloncesto e tenis, considerándose esta como a entrada ou saída principal do parque. A outra, sitúase en fronte da estatua da lamprea xigante que hai cerca da senda do río Miño.

Nada máis entrar pola porta principal, á man dereita, o parque conta cun circuíto de educación viaria, habilitado para que os nenos e nenas xoguen coas bicicletas, con todo tipo de sinais de tráfico, con semáforos e pasos de peóns. Ademais, este espazo está cuberto case na súa totalidade por árbores de diversas especies. Á mesma altura, ó carón, o parque dispón dunha zona de pícnic con numerosas mesas, as cales están cubertas tamén por diversas árbores.[4]

Avanzando cara ó norte, á man dereita, hai un pequeno estanque con patos. Ó pé deste, o parque dispón dun anfiteatro ó aire libre, onde habitualmente se celebran obras e actos públicos. Nesta mesma zona, á man esquerda, hai un par de gaiolas: unha delas con aves de diversas especies e a outra dedicada exclusivamente a pavos reais.

Ó pé das gaiolas A Canuda conta cun extenso xardín con sombra, xa que este espazo está rodeado de diversas e numerosas árbores. Ó carón ten unhas casetas onde se pode visitar animais de granxa como é o caso de porcos, carneiros, cabras, coellos e galiñas.[5] Preto desta pequena granxa hai unha exposición de utensilios de labranza (segadora, arado etc.) ,un xardín botánico e unha horta. Ambos os dous últimos ofrecen unha gran variedade de especies: poeixo, cimbro, xasmín, mentraste, corocha, herba forte etc.

A parcela veciña dispón dun espazo deportivo e de rehabilitación para a xente de terceira idade.

 
Estanque de patos.

Cara a zona norte, o parque A Canuda conta cun lago con patos e un parque infantil,[6] este último caracterízase pola súa grande extensión e variedade de xogos, como por exemplo: bambáns, escorregadoiros, castelos e xogos de mesa (parchís, xadrez debuxado no chan, tenis de mesa e o xogo tradicional da chave). O lago con patos é unha zona recreativa que dispón de barcas de recreo municipal. Estas están ó servizo de todas as persoas maiores de idade. Tamén poden facer uso desas barcas os maiores de 16 anos co consentimento do seu pai, nai ou titor. Os servizos préstanse sábados, domingos e festivos.[7]

Fóra, o recinto do parque dispón: dunha longa pista para pasear ó carón do río Miño para realizar a pé ou en bicicleta, dun espazo habilitado con pistas para practicar diversos deportes (fútbol, baloncesto e tenis) e un aparcadoiro. Preto da ponte que une Salvaterra de Miño con Portugal, A Canuda tamén conta cun pequeno skatepark e piscinas municipais ó aire libre.[8]

Servizos editar

O parque é de acceso libre e gratuíto, de 10 da mañá ás 22:00 da tarde. Conta con diversos servizos, como é o caso das barcas de recreo, anfiteatro ó aire libre, xogos tradicionais, parque infantil, paneis informativos e rótulos botánicos, aparcadoiro, fontes e aseos.

Notas editar

  1. "Parque da Canuda". www.vigocio.es. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-4-2019. 
  2. "Apertura de un nuevo parque en Salvaterra de Miño". www.farodevigo.es/galicia. Consultado o 4-05-2019. 
  3. "Parque da Canuda". www.vigocio.es. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-04-2019. 
  4. "Parque público "A Canuda"". concellodesalvaterra.com. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2019. Consultado o 7-04.2019. 
  5. "Parque público "A Canuda"". concellodesalvaterra.com. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-04-2019. 
  6. "Parque "A Canuda"". www.vigoenfamilia.es. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-4-2019. 
  7. "Parque público "A Canuda"". concellodesalvaterra.com. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-4-2019. 
  8. "Parque público "A Canuda"". www.concellodesalvaterra.com. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2019. Consultado o 7-4-2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Guede Bueno, Javier (2015). Salvaterra de Miño: villa milenaria. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-431-6.

Ligazóns externas editar