Orlando Letelier
Marcos Orlando Letelier del Solar, nado en Temuco (Araucanía) o 13 de abril de 1932 e finado en Washington, D.C. o 21 de setembro de 1976, foi un político e economista chileno, membro do goberno da Unidad Popular de Salvador Allende, asasinado en Washington polos axentes da ditadura en 1976. É pai do senador Juan Pablo Letelier.
Traxectoria editar
En 1971 foi designado embaixador nos Estados Unidos polo presidente socialista Salvador Allende. Dous anos máis tarde, serviu como ministro de Relacións Exteriores e logo como Ministro de Defensa.
Tralo golpe militar do 11 de setembro de 1973, que levou a Pinochet ao poder, Letelier foi detido e torturado, sendo enviado a unha prisión política na Illa Dawson, no Estreito de Magallanes.
Despois da súa liberación, exiliouse a EE.UU e estableceuse en Washington en 1974, onde traballou para evitar a entrega de préstamos que pediu o goberno de Chile a Holanda entre outros países europeos para restaurar a economía.
Asasinato editar
Pouco antes da súa morte foille retirada a súa nacionalidade chilena polo Estado chileno. As súas palabras sobre este feito foron:
Yo nací chileno, he vivido como chileno y moriré como chilenoOrlando Letelier
Letelier foi asasinado ao estoupar unha bomba de control remoto colocada baixo o seu automóbil o 21 de setembro de 1976. A morte non foi instantánea e morreu desangrado no lugar. O coche bomba tamén matou a axudante estadounidense de Letelier, Ronni Moffit.
O asasinato de Letelier formou parte dun esforzo coordinado por varias ditaduras militares en América Latina para intimidar e asasinar os seus opositores políticos.
Este esforzo, coñecido como a Operación Cóndor, incluíu nacións como Brasil, Arxentina, Chile, Paraguai, Uruguai e Bolivia. Tres destas nacións - Uruguai, Arxentina e Chile - comezaron a asasinar figuras da oposición en países estranxeiros durante a primavera de 1976 co patrocinio do goberno dos Estados Unidos de América.
Varias persoas foron procesadas e condenadas polo asasinato. Entre eles estaban Michael Townley, un expatriado estadounidense colaborador moi próximo á axencia de intelixencia chilena DINA, o xeneral Manuel Contreras, antigo xefe da DINA, e o xeneral de brigada Pedro Espinoza.
Precedido por: Ismael Huerta Diaz |
Ministro de Relacións Exteriores 1973 |
Sucedido por: Clodomiro Almeyda |
Precedido por: Carlos Briones |
Ministro do Interior 1973 |
Sucedido por: Carlos Briones |
Precedido por: Carlos Prats |
Ministro de Defensa 1973 |
Sucedido por: Patricio Carvajal Prado |