Olaría de Niñodaguia

olerías tradicionais
(Redirección desde «Oleiros de Niñodaguia»)

A olaría de Niñodaguia[1] é un dos focos tradicionais da cerámica do noroeste da Península Ibérica un dos máis activos na comarca de Allariz-Maceda (en concreto no concello de Xunqueira de Espadanedo),[2] e considerado por algúns especialistas como o segundo máis importante de Galicia, despois de Buño.[3] Desde o inicio do século XX aparece en estudos etnográficos de varios autores, entre eles Luciano García Alén, Natacha Seseña e Guadalupe González-Hontoria.

Oleiro de Niñodaguía modelando no torno.

Características editar

Ademais da súa variedade e a importancia da produción para unha ampla zona xeográfica (pasando a olaría na provincia de Ourense contorna provincial), a cacharrería de Niñodaguía distínguese polo seu vidrado amarelo, que permite que se vexa a cor da arxila tamén amarelada; trátase dun esmalte plumbífero habitual en gran parte da Península Ibérica, conseguido con sílice e galena (coñecida no argot artesán polo nome de chumbo). Son notables a antigüidade do proceso da fornada e o porte primitivo e harmónico de moitas das súas pezas.[4]

Fornos editar

Mencionados por primeira vez na monografía de Fernández e Dacal de[5] 1929, a etnógrafa Natacha Seseña describe o forno dos irmáns Ferreira (José María e Adolfo) en 1976, como unha focha circular de máis de dous metros, ao descuberto pero teitado, cunha "grella de pedras radiais", no que os cacharros, postos boca abaixo, distribuíanse sen seguir unha orde manifesta, pero en círculos concéntricos.[6] E o máis curioso era o ventilador eléctrico que se instalaba na parte baixa do forno para reducir o tempo da cocción das pezas no proceso do seu vitrificado. A imaxe dos fornos quedou inmortalizada por versos populares como estes:

 
Abaixo, no centro, cántaro para auga co típico vidrado amarelento case transparente. Na dereira unha esvelta sella sen vidrar, e no andel de arriba dúas pedarras vascas.
Ao pasar por Niñodaguia
o primeiro que se ve
son as cuncas a secar
e os forniños a cocer.

Formas editar

A tipoloxía é moi ampla. Unha das pezas de maior produción é a ola e as súas vasillas irmás. As olas (tamén chamadas cántaras ou pucheiras), utilizáronse indistintamente para transporte ou conservación de viño, auga, leite etc. A maior, usada como ola de medida, tiña 18 litros de capacidade, pero habíaas máis pequenas, de 12, 8 e 4 litros. Destacaba a súa barriga moi desenvolvida e fabricábanse con ou sen asa. Unha das pezas máis valoradas polos etnógrafos é a nateira (ola do leite ou cántara de leite), coa súa singular tapa.[7] E polo seu magnífico porte hai que destacar as cántaras para viño (case tinallas de viño de máis de 70 litros, e fabricadas de encarga), que levaban na unión dos churros ou relóns que ían levantando a vasilla uns reforzos ou adornos na parte externa. Non se vidraban, pero os colleiteiros cubrían todo o seu interior con pez.[3]

Outro conxunto interesante son as xerras. Diferenciándose as xerras da auga de dous picos enfrontados, dúas asas contrapostas e capacidade para 2, 3 e 4 litros. Moi parecida na súa forma era a usada para viño (pucheiro do viño), pero cunha soa asa e un único pico vertedor, con capacidade para un litro (que parece ser a razón de que lla chame pichola ou media pichola). Outros xerros da familia producidos nas olarías de Niñodaguía que merece a pena anotar son o xerro de muxir (de mungir ou xerro do leite) e as diversas xerriñas para conservar graxas, aceite, mesmo mel.

Entre as pezas da vaixela de mesa: a cunca ("para o caldo, sopa, leite ou millo en auga"), a escudela ou media cunca (12-15 cm de diámetro na súa boca), o prato chan ou fonte, o prato fondo ou copo e as fontes troncocónicas, case esferoides, para comida en común -todos os comensais toman a comida da mesma fonte.

Tamén característicos eran os porróns para auga. Os exemplares máis antigos tiñan forma ovoide, case esférica e pechada por arriba "cunha especie de casquete plano". Esmaltados na súa metade superior cun amplo babeiro do típico baño amarelado común neste foco oleiro, estes porróns decorábanse en ocasións con incisións (feitas co canivete dentado ou coas " panillas".[3]

De importante produción foron os barreñóns, desde os grandes de 32 litros con catro asas ata as almofías (entre 6 e 10 litros) imprescindibles na matanza do porco.[8]

Pezas para o lume editar

A olaría de lume de Niñodaguía produciu exemplares de valor etnográfico como a chocolateira, usada para facer o chocolate das paridas, deixando patente que en épocas pasadas a muller só tomaba chocolate se daba a luz. Trátase dun tipo de xerra, e fabricábase sen pés ou con tres pés, pequenas patas para poder cociñar sobre as brasas. Outro curioso cacharro era o testo da bica, similar a unha tapadeira grande usada para cocer a bica de millo, colocándoa, ben sobre a lareira ou pedra da cociña, ou sobre unha prancha de barro.

Decoración editar

Moi discreta, a decoración das pezas da olaría en Niñodaguía, seguiu dou modelos básicos:

  • Víncoras ou raias incisas no exterior das vasillas, feitas co canivete de madeira a modo de cortaplumas, un recurso habitual na decoración oleira, e que adoita dispoñer de "varios dentes de perfil rectangular" (producindo o efecto de gravar cun peite a arxila fresca). Outro recurso, máis antigo quizais, é a suave incisión conseguida cun anaco de tea de pana de algodón aplicada sobre o barro antes de secalo e cocelo.
  • As primitivas incisións deron logo paso á decoración con ondas en orella de boi, feitas coa man e mergullando a vasilla no baño de vidrado. Deste adorno, o máis antigo era o vidrado plumbífero sen colorantes que daba unha transparencia do ton amarelado do barro despois de cocer. Quedou noticia de que tras a guerra civil española comezou a usarse o vidrado avermellado (o roxo), conseguido con almagre -óxidos de ferro- mesturado con sulfuro de chumbo, e máis tarde con óxidos metálicos.
 
«Todos os de Niñodaguía levan no seu pantalón unha manchiña de barro que rouba o corazón».

A través de sucesivos estudos sobre a produción oleira en Niñodaguía, pode facerse o seguinte seguimento de artesáns activos neste foco:

  • En 1972, González- Hontoria menciona as olarías de Benigno Vázquez, Aquilino Blanco Carballo, fillo e neto de cacharreiros, José Gándara Blanco, Adolfo Dorrego e as olarías de Hermesindo e de Álvaro. En todas elas seguíanse fabricando pezas tradicionais, entre elas as particulares bisogueiras e a ola almofía (ou almufía) feita con minio asturiano e óxido de cobre.
  • En 1975, a Guía de los alfares de España (traballo de campo dos etnógrafos Rüdiger Vossen, Natacha Seseña, e Wulf Köpke) rexístranse oito obradoiros, case todos á entrada do lugar: o dos irmáns Fidel e Claudio Fernández Dorrego, o de Aquilino Blanco Carballo (na estrada xeral), o de Manolo Rodríguez e Sergio Vázquez, o de Benigno Martínez, o de Gervasio Rodrigues e os seus irmáns, o de Daniel e Ángel Rodríguez Rodríguez, o de Ramiro Álvarez de Dios e o de Agustín Vázquez. Móstranse pezas como a referida almofía (especie de barreñón) e diversos tipos e tamaños de xerras de un e dous bicos. Seseña menciona, tras unha nova visita en 1976, a olaría da familia Ferreira (José María e Adolfo).
  • En 1993, García Alén enumera os seguintes oleiros: Ramiro Álvarez de Dios, Aquilino e Agapito Blanco Vázquez, Ángel Blas Rodríguez, Manuel e José María Lozano de Dios, José García Álvarez, Gervasio Rodríguez Ferreiro, Benigno Vázquez Blanco, Agustín Vázquez Ferreiro, José María Ferreiro Rodríguez, e os irmáns Enrique e Ramón Cabana Ferreiro.

Notas editar


Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Caro Bellido, Antonio (2008). Diccionario de términos cerámicos y de alfarería. Cádiz: Agrija Ediciones. ISBN 84-96191-07-9.
  • Fernández , Xosé (1929). «Cerámica de Niñodaguía». E.A. Dacal. Arquivo do seminario de estudos galegos III.
  • García Alén, Luciano (1983/2008). Fundación Pedro Barrie de la Maza, ed. La alfarería de Galicia. ISBN 978-84-958-9275-1.
  • González-Hontoria, Guadalupe (1998). Las Artesanías de España I. Zona septentrional. Barcelona: Ediciones del Serbal. ISBN 8476282184.
  • Pérez Vidal, José (1983). La cerámica popular española. Zona Norte. Cadernos de Olaria, Barcelos. ISSN 0872-5691.
  • Seseña, Natacha. Cacharrería popular (1997 edición). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-4255-X.
  • Seseña, Natacha; Sáenz de la Calzada, Margarita; Bouza, José Luis (1977). del Castro, ed. Aproximación al arte popular en Galicia. La Coruña.
  • Vossen, Rüdiger; Seseña, Natacha; Köpke, Wulf (1975). Guía de los alfares de España. Madrid, Editora Nacional. ISBN 84-276-1293-1.