O océano Reico foi o océano que separaba a mediados do Paleozoico os dous maiores paleocontinentes de entón, Gondwana e Laurusia (Laurentia-Báltica-Avalonia). É un dos principais océanos do Palaeozoico, cuxas suturas se estenden hoxe ao longo de 10 000 km desde México a Turquía e o seu peche causou a ensamblaxe do supercontinente Panxea e a formación da oroxenia variscaalleghenianaouachita.[1]

Etimoloxía editar

Utilizouse o nome de Reico como unha relación con Xápeto, que lle dera nome a outro océano máis antigo. Primeiramente, o océano situado entre Gondwana e Laurentia a inicios do Cámbrico recibiu o nome de océano de Xápeto polo personaxe da mitoloxía grega Xápeto, pai de Atlas, xa que o océano de Xápeto foi o predecesor (o pai) do océano Atlántico, nomeado así en referencia a Atlas. Posteriormente, o océano situado entre Gondwana e Laurusia (LaurentiaBálticaAvalonia) no Cámbrico tardío-Ordovícico temperán foi nomeado océano Reico en referencia a Rea, irmá de Xápeto.[1][2]

Evolución xeodinámica editar

 
Evolución do océano Reico no paleozoico temperán

A inicios do Paleozoico, hai uns 540 millóns de anos, a maioría das masas continentais da Terra estaban agrupadas arredor do polo sur formando o paleocontinente de Gondwana. As excepcións eran varios continentes máis pequenos como Laurentia e Báltica. O océano paleozoico que había entre Gondwana, Laurentia e Báltica denomínase océano de Xápeto. A beira norte de Gondwana estivera sometida á oroxenia cadomiana durante o período ediacárico. Esta oroxenia formou un arco volcánico de tipo cordilleira no que a codia oceánica subducía por debaixo de Gondwana. Cando unha dorsal oceánica subduciu nun ángulo oblicuo, desenvolvéronse cuncas extensionais ao longo da marxe norte de Gondwana.[3] Durante o Cámbrico tardío ao Ordovícico temperán estas cuncas extensionais evolucionaron formando un rift que discorría ao longo do bordo norte de Gondwana.[4] O rift á súa vez evolucionou orixinando unha dorsal oceánica que separou pequenos fragmentos continentais como Avalonia e Carolina desde a masa continental principal de Gondwana.

A medida que Avalonia-Carolina se moveron derivando cara ao norte desde Gondwana, o océano Reico empezou a crecer e chegou á súa máxima anchura de 4 000 km no Silúrico. Neste proceso, o océano de Xápeto pechouse conforme Avalonia-Carolina foron chocando con Laurentia e se formou a oroxenia apalachiana.[5]

O peche do océano Reico empezou no Devoniano temperán e completouse no Mississippiano cando Gondwana e Laurentia chocaron para formar a Panxea. Este peche orixinou os maiores oróxenos de colisión do Paleozoico: os oróxenos varisco e allegheniano entre amarxe africana occidental de Gondwana e o sur de Báltica e leste de Laurentia, así como a oroxenia ouachita entre a marxe amazónica de Gondwana e o sur de Laurentia.[5]

Notas editar

Referencias
  1. 1,0 1,1 Nance et al. 2010, Introduction
  2. Murphy et al. 2006, Introduction
  3. Escenario de acordo con Linnemann et al. 2008
  4. Murphy et al. 2006; Linnemann et al. 2007
  5. 5,0 5,1 Murphy et al. 2006, Evolution of the Rheic Ocean; Fig. 4
Bibliografía

Ligazóns externas editar