O período ediacárico, ás veces denominado período ediacariano ou período de Ediacara (toma o nome dos outeiros de Ediacara de Australia), é unha división da escala de tempo xeolóxico, o terceiro e último período xeolóxico da era neoproterozoica.

Comezou hai uns 635 millóns de anos e finalizou hai 542,0 ±1,0 millóns de anos (foi seguido polo cámbrico). As datas fixáronse en base a criterios de estratigrafía.[1][2] A súa condición de período xeolóxico oficial foi ratificada en 2004 pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS).[3][4] A sección tipo é Flinders Ranges en Australia Meridional. Superponse, pero é máis curto que o período vendiano, nome que propuxera, en 1952, o xeólogo e paleontólogo ruso Boris Sokolov.[5][6]

Artigo principal: Fauna de Ediacara.

Este período é quizais no que apareceron os animais, hai uns 570 millóns de anos e é famoso pola súa "fauna de Ediacara". Son os fósiles de organismos pluricelulares con diferenciación de tecidos máis antigos coñecidos e que non resultan dubidosos. Estes organismos aínda non desenvolveran caparazóns ou esqueletos, e a súa relación cos organismos actuais ou mesmo cos inmediatamente posteriores da explosión cambriana, é difícil de interpretar. Os tipos máis comúns parécense a vermes segmentados, frondes, discos ou bolsas inmóbiles. Algúns científicos cren que estes fósiles representan invertebrados primitivos que foron antepasados dos animais modernos, ou organismos que non son animais verdadeiros. Dado que os fósiles non amosan moito sobre a súa posición na liña evolutiva, é posíbel que a súa orixe e historia xamais se descubran.

Describíronse máis de 100 xéneros ediacáricos, entre os que se inclúen Kimberella, Aspidella, Dickinsonia, Charnia, Cyclomedusa, Spriggina, entre outros. Existen moitas teorías sobre a identidade destes organismos. Tense dito que son animais primitivos, eucariontes que non son animais, protistas xigantes etc.

Paleoxeografía

editar

Durante esta época todos os continentes agrupáronse nun único supercontinente, Pannotia, que probabelmente existiu desde hai uns 600 millóns de anos até hai uns 540 millóns de anos. Antes de Pannotia, o anterior supercontinente global foi Rodinia, que se fragmentou hai uns 800 millóns de anos. A dislocación de Rodinia levou ao nacemento do océano Pantalassa (ou paleopacífico) e a oito continentes, que despois volverían a reunirse no supercontinente Pannotia.[7] Hai 540 millóns de anos, tan só despois de 60 millóns de anos da súa formación, Pannotia fragmentouse no supercontinente Gondwana e en tres pequenos continentes, Laurentia, Siberia e Báltica. A finais do paleozoico os continentes volverían a reunirse unha vez máis para formaren Panxea, o último supercontinente.

  1. Global Boundary Stratotype Section and Point (GSSP) of the International Commission of Stratigraphy.
  2. Táboa estratigráfica internacional, 2010
  3. Knoll, A.H.; Walter, M.R., Narbonne, G.M., Christie-blick, N. (2004). "A new period for the geologic time scale" (PDF). Science 305 (5684): 621–622. 
  4. Ogg, J.G. (2004). "Status of Divisions of the International Geologic Time Scale" (PDF). Lethaia 37 (2): 183–199. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2020. Consultado o 31 de agosto de 2012. 
  5. B. M. Sokolov (1952). "On the age of the old sedimentary cover of the Russian Platform". Izvestiya Akademii Nauk SSSR, Seriya eologicheskaya 5: 21–31. 
  6. Sokolov, B.S. (1997). "Essays on the Advent of the Vendian System." 153 pp. KMK Scientific Press, Moscova. (en ruso)
  7. Torsvik, Trond H (2003). "The Rodinia jigsaw puzzle". Science 300 (5624): 1379. PMID 12775828. doi:10.1126/science.1083469. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar