O crepúsculo e as formigas

obra literaria de Xosé Luís Méndez Ferrín

O crepúsculo e as formigas é un libro de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado en 1961 pola Editorial Galaxia. O libro está composto por dez relatos. Está adicado a Nicole Christine, e inclúe un prólogo de Ramón Piñeiro e mais un texto introdutorio do propio autor.

O crepúsculo e as formigas
Autor/aXosé Luís Méndez Ferrín
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónColección Illa Nova (1ª ed.)
Xénero(s)Relatos
EditorialEditorial Galaxia (1ª ed.)
Edicións Xerais de Galicia
Data de pub.1961
Precedido porPercival e outras historias (1958)
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

  • "Os homes e a morte": Aloi e Mingos están a bailar nunha verbena. Achégaselles Pitutas e ofrécelles mil pesetas por montar unha pelexa no torreiro, co fin de poder despistar a parella da Garda Civil e secuestrar un neno de cinco anos. Cando os dous amigos se decatan das intencións de Pitutas, van detrás del. Perségueno, e logo de ver que o cativo está morto, Mingos mata a Pitutas.
  • "Dúas cartas a Lou": Ramón Fraiz, un home vigués, escríbelle dúas cartas a Lou.
    Na primeira cóntalle que, ao marchar da súa casa, chegara a unha casoupa onde vivían unha parella de anciáns, Xaquín e a Vella. Co paso do tempo, a parella vai rexuvenecendo, até que un día a Vella, xa unha rapaza, lle di que Xaquín é fillo dela e de Ramón. Despois dille que van ser pais e que lle vai poñer Xaquín ao fillo. Finalmente, Ramón deixa empreñada á Vella, antes de marchar.
    Na segunda carta, Ramón cóntalle a Lou que un día chegou á casa dunha señora levado por amigo, e alí comezou a tocar o piano. Logo de tocar, ve a través da ventá os ollos dunha muller na casa de enfronte. Os feitos repítense varios días até que decide ir visitar a muller. Consternado, regresa á casa do piano, onde é ovacionado. Noutro momento regresa á casa da veciña e golpéaa na testa cun revólver até matala.
  • "O Suso": Manolo é un rapaz de Ourense. Unha noite o seu amigo Suso bátelle na ventá para que vaia con el ao río Barbaña, pois seica apareceu un rapaz afogado. Marchan aló os dous, e mentres buscan o rapaz afogado Suso desaparece. Manolo acaba atopando o propio Suso morto e volve correndo para casa. A mañá seguinte, os amigos infórmano de que Suso morrera afogado no río.
  • "Boas noites, Eire": Nunha festa nun bar, na Noitevella, coñécense Violeta e Eire, de 23 e 21 anos. Logo de ela -triste pola celebración do fin de ano- escachar un vaso contra a parede marchan do local. Entran noutro bar e comezan a bailar. Ao cabo, Eire acompaña Violeta á súa casa. Ela non quere que el suba, pero ante a insistencia del explícalle que vive co seu tío, quen abusa dela.
  • "Diario": Un rapaz carpinteiro vive en Compostela. Unha noite éntralle medo e bótase pola fiestra abaixo. Ao día seguinte vai ao piso da súa veciña, Eusebia Cons, ve que ten só unha perna, e tíraa ao chan. O día seguinte descobre que o seu propio pai estivera no seu cuarto fozando nas súas cousas. Ao cabo, regresa ao piso da veciña e ve que está durmindo co seu pai. Decide suicidarse aforcándose, mais finalmente non se atreve.
  • "Un chinche durme no teito": León vive nunha pensión compostelá. Escoita os compañeiros de aloxamento falar polo teléfono que está a carón da súa habitación. Tres días antes morreu a súa nai, e sofre porque non o sente. Pasan varios meses chovendo.
  • "A casa azul": Rosa é unha rapaza que vive co Portugués. Queda preñada e el dille que debe ir á Casa Azul, pois é costume no lugar que vaian aló as mulleres ao quedaren embarazadas por vez primeira, mais ela non quere. Discuten, el bate nela e finalmente Rosa vai á Casa Azul.
  • "Ramil, Ramil, vas morrer Ramil": No porto de Vigo, Charles Eguières ten que matar a Ramil. Búscao, cunha pistola que mercara en Madrid, até atopalo no alto dun monte de ferro amoreado no peirao. Charles dispara, mais non acerta. Ramil desármao e Charles acaba caendo á auga.
  • "A cabeza fendida": María é unha rapaza viguesa que traballa para o señor Ferreiro, quen a ten de querida. María permíteo porque precisa os cartos para alimentar a súa nai, pero vese con Gustavo Comesaña, futbolista do Celta de Vigo. María e Gustavo van á praia na moto del e pasan o día aló. Ao marchar bícanse entre os piñeiros, María sobe a un penedo, mais cae e falece ao bater coa cabeza. El, asustado, vai a un local próximo para dar aviso. Éntralle o medo, toma un coñac e leva a botella. Regresa onda o corpo de María até que chega a noite. El, desconcertado e borracho, cae tamén.
  • "O cadro asasinado": Silvio e Helena son dous pintores novos. Deciden pintar xuntos o cadro ao óleo dun rapaz, a quen tratan como o seu fillo. Ao cabo, deciden matalo.

Narración editar

Nos relatos existe un ambiente de terror, no que as persoas camiñan como formigas en fileira, movidas por forzas cegas, que levan cara a un tráxico destino. A brevidade e densidade dos relatos están apoiadas polas recorrencias do discurso que incorpora variados procedementos técnicos: o emprego da estrutura epistolar, do monólogo interior, da ruptura temporal ou da técnica cinematográfica. O enfoque esvaecido vertebra as historias deste libro, tal como se declara no texto inicial que precede os contos:

(...) pois o alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón antre os homes e a miña ollada.
Eu non limpo o cristal, non abro a fiestra.
Deixo, lector, que ise bafo inapalpábel desfigure a miña imaxe dos tebregosos homes da vila, no crepúsculo, que mesmamente enchen a rúa estreita e prolongada coma se foran unha coluna de formigas en marcha.

Os relatos, escritos cando Ferrín vivía en Madrid, están ambientados en espazos urbanos e rurais de Vigo (porto), Ourense (río Barbaña) e Santiago de Compostela.

Edicións editar

Logo da primeira edición de Editorial Galaxia de 1961 na colección Illa Nova, foi publicado por Edicións Xerais de Galicia en 1982. A terceira edición, de 1983, incluíu unha nota introdutoria. En outubro de 2004 publicouse a décimo oitava edición, na colección Narrativa de Xerais.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • Ficha na páxina web de Xerais.