O Mandarim
O Mandarim é unha novela do escritor portugués Eça de Queirós. Foi escrita en Angers (Francia) en xuño de 1880[1] e publicada por entregas no Diário de Portugal entre o 7 e o 18 de xullo dese mesmo ano. Tamén en 1880 foi publicada nunha versión ampliada por Chardron[2]
O Mandarim | |
---|---|
![]() Primeira edición de 1880 | |
Autor/a | Eça de Queirós |
Orixe | Portugal |
Lingua | Portugués |
Xénero(s) | novela |
Editorial | Ernesto Chardron |
Data de pub. | 1880 |
[ editar datos en Wikidata ] |
"(…)
Aos domingos repousava: instalava-me então no canapé da sala de jantar, de cachimbo nos dentes, e admirava a D. Augusta, que, em dias de missa, costumava limpar com clara de ovo a caspa do tenente Couceiro. Esta hora, sobretudo no Verão, era deliciosa: pelas janelas meio cerradas penetrava o bafa da soalheira, algum repique distante dos sinos da Conceição Nova e o arrulhar das rolas na varanda; a monótona sussurração das moscas balançava-se sobre a velha cambraia, antigo véu nupcial da Madame Marques, que cobria agora no aparador os pratos de cerejas bicais; pouco a pouco o tenente, envolvido, num lençol como um ídolo no seu manto, ia adormecendo, sob a fricção mole das carinhosas mãos da D. Augusta; e ela, arrebitando o dedo mínimo branquinho e papudo, sulcava-lhe as repas lustrosas com o pentezinho dos bichos…(…)"
|
Trama
editarTeodoro é un amanuense que habita nunha casa de hóspedes en Lisboa e leva unha vida rutineira, pero ten a esperanza de ser rico. Nun libro vello mercado na Feira da Ladra Teodoro le que existe na China un mandarín fabulosamente rico, e que se o lector toca unha pequena campá, o chinés morrerá e quen a toque herdará todos os seus bens. Nese momento preséntase na habitación de Teodoro o Diaño, e ínstao a tocar a campá. Teodoro faille caso e ten unha visión na que uns descoñecidos mencionan a morte de Ti-Chin-Fú. Un mes despois comunícanlle que herdou unha fabulosa suma de cartos dun mandarín así chamado.
Nun principio Teodoro dedícase a gozar da súa riqueza, pero vano invadindo os remorsos, xa que se considera culpable da morte de Ti-Chin-Fú, e imaxina que os herdeiros lexítimos poden encontrarse na indixencia por culpa del. Xa que logo, decide viaxar a China para reparar o seu crime. En Pequín coñece un xeneral ruso, chamado Camilloff, e a súa esposa, coa que mantén unha relación adúltera. Seguindo o consello de Camilloff viaxa á provincia en que vivía Ti-Chin-Fú, pero é asaltado por uns bandidos e dado por morto. É recollido por uns sacerdotes lazaristas, que coidan del ata que, reposto, decide marchar da China. De volta en Lisboa regresan os remorsos, e decide volver á vida que tiña antes, pero segue presentándoselle a imaxe do mandarín. Suplica ao Diaño que quede coas súas riquezas e resucite o mandarín, pero este dille que xa é imposible. Teodoro, sentíndose morrer, fai testamento e lega os cartos ao Diaño.
Recepción
editarA publicación da novela non tivo demasiado eco no seu momento. Os partidarios do Naturalismo, que recibiran moi positivamente obras anteriores de Eça de estética realista como O Crime do Padre Amaro ou O primo Basílio, quedaron desagradablemente sorprendidos polo relato ton fantástico da narración.[2]
Porén, o escritor Oliveira Martins enviou a novela ao editor Ladislaw Mickiewicz en 1884 para que a publicase traducida ao francés na Revue Universelle Internationale de París[2]. Para esta nova edición o autor redactou unha carta-prefacio, na que xustifica o ton fantástico da obra como un divertimento, acorde co fantasioso carácter portugués, se ben afirma que non renuncia en absoluto á estética naturalista.
Narración
editarA obra está narrada en primeira persoa polo protagonista, Teodoro. A trama desenvólvese principalmente en Lisboa, París, Pequín e Manchuria, con viaxes en barco e tren polo medio.
Personaxes
editar- Teodoro: o protagonista do romance, bacharel amanuense do reino, é un representante típico do burgués nacional, mediocre, frustrado, e de baixos valores morais
- Dona Augusta: dona da pensión onde Teodoro moraba antes de enriquecer
- Ti-Chin-Fú: o mandarín asasinado por Teodoro
- O Diaño
- Vladimira: muller do xeneral Camilloff, e amante de Teodoro por un breve período.
- Xeneral Camilloff: representante do Imperio Ruso na China
- Sá-Tó: intérprete de Teodoro durante a viaxe na China
- Meriskoff: representante alemán na China, compañeiro intelectual de Teodoro na China
Notas
editar- ↑ Maria Filomena Mónica: Eça de Queirós. Londres, 2005. ISBN 978-1-85566-115-8. Páx. 180 ss. (en inglés).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Coca, Javier, y Aguilera, Raquel R.: "Nota de los traductores", en: Eça de Queirós: El mandarín, Barcelona: Acantilado, 2007. ISBN 978-84-96834-01-9. Páx. 113-114 (en castelán).