Carlos V dacabalo en Mühlberg

pintura de Tiziano

O retrato ecuestre de Carlos V en Mühlberg é un cadro pintado ó óleo sobre lenzo polo pintor veneciano Tiziano Vecellio en 1548. Mide 335 cm de alto e 283 cm de ancho.[1] Exhíbese no Museo do Prado de Madrid que o mercou en 1827.

Carlos V dacabalo en Mühlberg
ArtistaTiziano
Data1548
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións335 cm × 283 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Foi realizado entre abril e setembro de 1548, mentres o artista estaba na corte imperial de Augsburgo. O artista veneciano realizouno para representar ó emperador do Sacro Imperio Romano e rei de España, Carlos V, como triunfador na batalla de Mühlberg (24 de abril de 1547)[2] contra os exércitos protestantes da Liga de Esmalcalda. Tanto a armadura como o arnés están gardados na Real Armería de Madrid.[3]

É un cadro de extraordinario valor histórico e que se converteu nun modelo da iconografía ecuestre dos Austria[4] exercendo unha grande influencia na época barroca. Panofski o caracteriza como "o primeiro retrato ecuestre autónomo -nin alegórico nin cerimonial- da historia da pintura".[5]

Contexto editar

O retrato foi encargado por María de Austria, raíña de Hungría e irmá do emperador, e nel Carlos V especificou como quería ser retratado. O emperador era consciente da importancia do retrato para determinar como era visto polos demais e apreciou non só o dominio de Tiziano como pintor senón tamén o xeito en que o artista o presentou como gobernante.

Tiziano coñeceu persoalmente a Carlos V e xa lle realizara varios retratos e como o pintor era un home intelixente e de trato doado tivo unha forte amizade co emperador até o punto de provoca-la inquedanza por parte dos cortesáns deste pois un humilde pintor contaba coa súa confianza. Mentres, o emperador estaba en Augsburgo tratando asuntos políticos, Tiziano obtivo un apartamento próximo ao seu e permitiulle un acceso doado e frecuentes reunións para realiza-lo cadro.[6]

Descrición editar

O cadro conmemora a vitoria de Carlos V na batalla de Mühlberg, ocorrida o ano anterior. Amosa ó emperador dacabalo, detido fronte ó río Elba; detrás del, só un bosque. Tanto a luz como as cores son cálidas, vermellos, ocres. A faciana do emperador está seria e impasible. Tiziano foi moi hábil, ó suavizar os trazos menos agraciados do monarca (o prognatismo).

Vencedor en Mühlberg, é un retrato que resulta o mellor exemplo da longa colaboración artística coa monarquía española. Representa o mito do poder ó que se outorga unha carga heroica. Na súa faciana parece adiviñarse a vitoria e un perfil inconfundible centra unha extraordinaria harmonía cromática de escintileos vermellos. A figura, como encerrada na súa armadura, en contraste co campo abatido parece perder o humano en favor daquel mito do poder real.

Neste retrato ecuestre, o emperador móstrasenos como un «soldado de Cristo» en defensa da cristiandade atacada dende o seu propio interior polo protestantismo. Leva unha longa lanza, que lembra a San Xurxo (quen segundo a lenda matou a un dragón, besta asociada á herexía) e unha pistola de roda no arzón. De todos os xeitos, a pintura non quixo facer énfase na derrota militar, e a paisaxe do fondo é plácida, sen tropas nin representación algunha dos inimigos derrotados.

Nesta obra, Tiziano sintetiza os antigos ideais cabaleirescos de Borgoña, que o emperador coñecía, xunto con abondosas referencias ó mundo clásico. Carlos V adoitaba ser chamado Cesar Carolus, nun afán por relacionalo cos emperadores romanos. Tiziano combina os estereotipos de cabaleiro medieval e de caudillo imperial, e crea desta maneira o mellor resumo dunha imaxe pública tan complexa como foi a de Carlos V, quen tiña que xestionar e manter unido un imperio transoceánico con múltiples linguas e culturas.

Modelos de inspiración editar

Para a realización da obra, Tiziano parte da representación tradicional do xinete dacabalo, no cal o animal ergue as patas dianteiras. Así aparece en modelos anteriores como coma na estatuaria romana (Estatua ecuestre de Marco Aurelio), ou en imaxes ecuestres do Renacemento (coma os gravados de Hans Burgkmair e, posiblemente, o gravado de Durero de 1513 titulado o Cabaleiro a Morte e o Diaño o Cabaleiro). En troques, Tiziano, modifica lixeiramente ese modelo por canto, na súa obra, o cabalo semella ir ao galope tendo, soamente, as dúas patas traseiras tocando o chan, mentres o emperador sostén as rendas lixeiramente, ergueitas, pero a gusto, o que indicaría a súa capacidade como xinete avanzado.

Tiziano reflicte máis claramente a influencia da obra de Durero. Nel, o cabaleiro cabalga por bosques escuros, cruzándose con figuras que representan o mal (o Diaño con fociño de porco) e a morte, que monta un cabalo fraco. Pola contra, Carlos emerxe dunha zona boscosa escura a unha paisaxe aberta, e amosa unha certa melancolía.[7]

Conservación editar

Unha anécdota repetidamente contada é que o lenzo foi derrubado polo vento mentres se secaba, resultando danado na grupa do cabalo. A fenda, contan, foi reparada por outro artista, Christoph Amberger. As radiografías confirman a existencia de tal dano.

Conservado nos diferentes palacios reais que o rei se fixo construír en España, o cadro sufriu o incendio do Alcázar de Madrid en 1734. Atribúese a ese sinistro o escurecemento da zona inferior, onde as cores da terra e a herba vense queimadas e reducidas a un ocre escuro. Afortunadamente, as partes esenciais consérvanse mellor e actualmente aprécianse en todo o seu esplendor, grazas a unha restauración efectuada en 2000-01. A obra pasou, cunha parte importante da colección real española, ó Museo do Prado no século XIX, onde se exhibe.

Influencia editar

Moitos retratos ecuestres posteriores de monarcas e gobernantes amosan unha débeda con este retrato de Tiziano. As obras máis evidentes e coñecidas inclúen o Retrato de Carlos I a cabalo (1620) de Anton van Dyck, que inclúe moitas das ideas de Tiziano. Tamén se pode incluír o Retrato ecuestre do primeiro duque de Wellington (1810) de Goya, que elimina a presenza de heroísmo e presenta unha figura illada e reducida, mesmo empequenecida en comparación coa súa montura, case encollida pola paisaxe que o arrodea e cargando contra unha paisaxe escura.[8]

Notas editar

  1. Antonio & Riello (2012), p. 16
  2. "Carlos V en la Batalla de Mühlberg". museodelprado.es. Arquivado dende o orixinal o 23-03-2019. Consultado o 10-04-2019. 
  3. Grancsay (1949), p. 123
  4. Rodríguez Moya, Inmaculada (2003). La mirada del virrey: iconografía del poder en la Nueva España (en castelán). Castellón: Universitat Jaume I. p. 40. ISBN 84-8021-418-X. 
  5. Panofski (2003), p. 94
  6. Kaminski (2007), pp. 36-37
  7. Jones, Jonathan (08-11-2003). "Charles V on Horseback, Titian (c1548)". theguardian.com (en inglés). Consultado o 11-04-2019. 
  8. Braham, Allan (Decembro 1966). "Goya's Equestrian Portrait of the Duke of Wellington". The Burlington Magazine 108 (765): 618–621. ISSN 0007-6287. JSTOR jstor.org/stable/875108. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar