Estatua ecuestre de Marco Aurelio

A estatua ecuestre de Marco Aurelio é unha estatua que representa o emperador romano romano Marco Aurelio a cabalo. Está realizada en bronce dourado e ten uns 4 metros de altura. Está datada no 176, e foi colocada na Praza de San Xoán de Letrán, a carón do palacio onde nacera o futuro emperador[1]. En 1538, a petición de Miguel Anxo, o papa Paulo III accede a trasladala á Praza de Campidoglio, onde permanece. Hoxe mantense alí unha copia, estando a estatua orixinal no Palacio dos Conservadores.

Estatua orixinal no Museo Capitolino

Descrición editar

Aínda que é unha estatua de tipoloxía ecuestre, que ten unha función propagandística e de exaltación do poder imperial. A estatua presenta semellanzas coas estatuas de Augusto. O tema central segue a ser o poder e a grandeza, co emperador agrandado respecto do seu tamaño real e estendendo o brazo, nun xesto moi característico dos retratos de Augusto. A diferenza deste, non leva nin armadura nin armas e ergue a man nun xesto de saúdo ou para outros autores de clemencia perante un hipotético inimigo morto aos seus pés, que xa non existe[2]. Trátase de que sexa recordado coma un cabaleiro vitorioso.

Esta pose denomínase adventus imperatoris que representa unha entrada triunfal en Roma dun xeneral vitorioso[2], estando reservada a cónsules, pretores ou emperadores que volven vitoriosos e que son festexados mediante o desfile. Porén, ao non levar armadura, aparenta máis unha persoa pacífica, como el se vía a si mesmo, que coma un gran guerreiro. Así, a figura humanízase e preséntase máis como un pacificador que coma un conquistador.

O emperador monta sen estribo, porque por entón aínda non se introducira no mundo occidental.

Historia editar

 
Parte superior da estatua orixinal en bronce dourado, despois da restauración (Museo Capitolino).

Aínda que hai constatación da existencia doutras estatuas imperiais ecuestres, esta é a única estatua ecuestre de época clásica que chega aos nosos tempos polo costume de fundilas para facer moedas ou outro tipo de estatuas. Isto foi particularmente relevante durante a época imperial tardía cando se legaliza o cristianismo, e durante os primeiros anos da Idade Media, na que se consideraban símbolos pagáns. Esta foi, practicamente, a única que se salvou porque, erroneamente, críase que representaba a Constantino I, o Grande.

Realizada en 176, hai varias hipóteses sobre a súa localización orixinal. Algúns afirman que se colocara no Foro Romano, outros que en Piazza Colonna, onde estaban o templo dinástico que rodeaba a columna Antonina[3]. O que se sabe certamente é que no século VIII a estatua foi trasladada a Praza de San Xoán de Letrán, a carón do palacio onde nacera o futuro emperador[1]. De novo, volve moverse en 1538 cando o papa Paulo III decide trasladala á Praza de Campidoglio (ou Praza do Capitolio) encargando a Miguel Anxo, que se opuxera inicialmente ao traslado, a remodelación da praza. Alí a coloca no centro, como punto de referencia, sobre un pequeno montículo, cun pavimento decorado cunha estrela de doce puntas que lembra as doce figuras do zodíaco.

En 1979, un ataque con bomba cerca do palacio senatoiral danou a base de mármore da estatua. As investigacións levadas a cabo, nesa ocasión, percibiron a presenza de fendas nas patas do cabalo e un proceso de corrosión severa en toda a superficie[4]. Decidiuse levar a cabo unha restauración que comezou en xaneiro de 1981 no Istituto Centrale di Restauro. A estatua orixinal gárdase no Palacio dos Conservadores, que forma parte do Museo Capitolino, sendo substituída no lugar cunha reprodución realizada a láser.

Tamén existe outra réplica no campus da Universidade Brown nos Estados Unidos desde 1908.

Modelos e influencias editar

A estatua ecuestre, na que a figura humana se realza e domina sobre a besta, é un motivo temático moi recorrente en varias culturas. Do século VI a.C., consérvase o fragmento titulado o Cabaleiro Rampín, que representa un home a cabalo. Mais será na arte romana cando se consolida como vehículo de enaltecemento do poder. De todas as estatuas ecuestres tan só permanece a de Marco Aurelio, que servirá de modelo de inspiración, durante o Renacemento, a Donatello para crear o seu Gattamelata ou a Verrocchio para o seu Colleone.[5].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Hart, Fréderick (1989). Arte. Historia de la intura, escultura y arquitectura. Colección Arte y estética. Akal. p. 276. ISBN 978-84-7600-411-1. 
  2. 2,0 2,1 Ruíz Maldonado, Margarita; Casaseca Casaseca, Antonio; Panera Cuevas, F.Javier (2013). El poder de la imagen, la [imagen] del poder. Ediciones Universidad de Salamanca. pp. 14–15. ISBN 978-84-9012-357-7. 
  3. "Sitio dos Museos Capitolinos". Arquivado dende o orixinal o 05-11-2016. Consultado o 03-11-2016. 
  4. "Sitio do Concello de Roma". Consultado o 3-11-2016. 
  5. Llancay Pintat, T.; Viladevall Valldeperas, M.; Misrahi Vallés,, A.; Gómez Cacho, X. (2007). Nuevo Arterama. Vicens Vives. p. 73. ISBN 978-84-316-7966-8. 

Véxase tamén editar