Niso (fillo de Pandión II)

Na mitoloxía grega, Niso foi un dos catro fillos de Pandión II, rei de Atenas e de Pilia, filla do rei de Mégara; outras fontes, como Hixino indican que era fillo de Ares[1].

Escila, desde a torre, fala co seu namorado Minos (gravado do século XVII)

Plutarco conta que estaba casado con Abrota e, cando esta morreu, Niso ordenou que as mulleres de Mégara vestiran roupas como as da súa muller (Moralia).

Pandión fora expulsado de Atenas polos fillos de Metión e Niso naceu, como os seus irmáns, durante o desterro, en Mégara. Cando morreu Pandión, os catro irmáns (Niso, Exeo, Palas (ou Palante) e Lico) reconquistaron a Ática, expulsaron ós fillos de Metión e repartíronse o goberno da Ática. Niso reinou sobre Mégara, Lico sobre Eubea, Palas sobre o sur da rexión e Exeo, como primoxénito, sobre Atenas. Ó final, Exeo fíxose cos territorios dos irmáns [2].

Pero Minos, rei de Creta, atacou e conquistou as cidades de Atenas e Mégara durante a guerra que declarou a Atenas a causa da morte do seu fillo Androxeo [3] .

Canto a Niso, dábase a circunstancia de que era invencible sempre que conservara un guecho de pelo vermello ou púrpura [4] oculto entre a súa cabeleira branca. Pero a filla, Escila, namorouse de Minos (instigada por Afrodita) e traizoou ó pai, cortándolle o guecho de pelo mentres dormía. Niso morreu [5] e Minos conquistou Mégara, pero non permitiu que Creta acollese semellante crime e matou a Escila por traizoar ó seu pai, ou ben se fixo á mar abandonándoa na praia.

Escila córtalle o guecho de pelo que facía invencible ó pai
"Tiña [Niso] en pleno cocote, no medio das súas venerables canas, un cabelo resplandecente de púrpura, talismán do seu invencible reinado... Na primeira hora do sono, [Escila] penetra sixilosa na alcoba paterna e... despoxa ó seu pai do cabelo fatal e... chega ata o rei, que se sobresalta cando ela di: 'Eu, Escila, filla do rei Niso, entrégoche os penates [6] da miña patria e do meu fogar. Non pido recompensa ningunha, só a ti. Como prenda do meu amor toma este cabelo purpúreo e non creas que che estou entregando un cabelo, senón a vida do meu pai'".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 8-94)

Escila intentou aferrarse á popa do barco de Minos, pero foi atacada polo seu pai, Niso, transformado nunha aguia mariña [7]. Ela saltou da popa e cando caía ó mar transformouse nunha ave mariña, "Ciris, chámase", perseguida sen descanso polo pai.

Segundo Hixino, Niso tivo outra filla, Eurínome, que tivo con Poseidón a Belerofonte [8], aínda que este adoita considerarse fillo de Glauco e Eurínome.

Notas editar

  1. Fábulas 198.
  2. "Á morte de Pandión, os seus fillos marcharon contra Atenas, expulsaron ós Metiónidas e dividiron en catro partes o reino, pero Exeo fíxose con todo o poder" (Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 6).
  3. Androxeo morrera ó enfrontarse ó Touro de Maratón, ó que lle retara Exeo, rei de Atenas, ou ben á mans dos competidores nos xogos panatenaicos, ós que vencera. A consecuencia da derrota de Exeo foi o tributo anual imposto por Minos de catorce mozos atenienses, de ambos sexos, para alimentar a Minotauro.
  4. Vermello, segundo Hixino (Fábulas 198); púrpura, segundo Virxilio (Metamorfosis VIII, 10).
  5. Hixino di que suicidado (Fábulas 242, 2).
  6. "Divindades domésticas romanas protectoras do fogar" (DRAG en liña).
  7. "Aínda hoxe, se esta ave ve algunha vez un peixe nadando, lánzase á auga, apodérase del e despedázao coas súas poutas" (Hixino: Fábulas 198, 4).
  8. Hixino: Fábulas 157, 1.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar