Nebulosa protosolar

A nebulosa protosolar foi a nube de gas ou disco de acrecemento na que se formou o Sistema Solar. A hipótese nebular foi proposta en 1755 polo filósofo alemán Immanuel Kant quen hipotetizou que a nebulosa solar rotaba lentamente na súa orixe.

Pequena porción de Orión con gases que lembran a unha nebulosa protosolar

Historia e características editar

Esta nebulosa solar foise condensando ao arrefriarse e achairando paseniñamente polo efecto combinado das forzas de gravidade e centrífuga formando, co tempo, a estrela central e os planetas. Partindo deste modelo Pierre Simon Laplace formulou en 1796 unha teoría máis detallada, pero non máis acertada, da formación do sistema solar a partir dunha nebulosa rotante primixenea. O concepto moderno equivalente ao de nebulosa solar é o de disco de acrecemento. Tales discos ou nebulosas protoplanetarias puideron ser observados ao redor de estrelas moi novas.

A hipótese nebular baséase na observación de que todos os planetas orbitan ao redor do Sol no mesmo sentido e sobre un mesmo plano denominado eclíptica con lixeiras inclinacións con respecto a esta. Ademais, o plano da eclíptica coincide de maneira aproximada co ecuador solar.

Pénsase que as lúas dos planetas xigantes formáronse nun proceso semellante crecendo a partir dun disco de acrecemento que alimentaba de masa os planetas na súa formación. Pola contra actualmente considérase que a formación da Lúa aconteceu de maneira moi diferente tras o impacto cun protoplaneta do tamaño de Marte. Así mesmo algunhas lúas doutros planetas que viran en órbitas retrógradas ou caóticas considérase que son asteroides ou núcleos cometarios capturados máis recentemente.

As diferenzas de composición química e isotópica dos diferentes corpos do sistema solar permiten explorar as condicións iniciais na nebulosa solar. Estímase que a masa mínima necesaria para formar os planetas a partir do material presente na nebulosa solar considerando unha composición de elementos lixeiros (hidróxeno e helio) e elementos pesados semellantes á do Sol podería ser dun 1% da masa solar.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar